14/2/12

Paseando o tempo


Sempre foi do meu agrado esta estrofa de Miguel Hernández que pertence ao seu poema El niño yuntero. "Cada nuevo día es más raíz, menos criatura, que escucha bajo sus pies la voz de la sepultura". Transmite serenidade, beleza e veracidade ante o inevitable.
Con ser inexorable, o paso do tempo non deixa de ser unha fatalidade, agás cando acode no auxilio da curación das penas intensas e próximas. Un nunca remata de asumir que só sexa posible camiñar nun sentido, sempre cara adiante, sen pausa, e sen apenas poder mirar para atrás. Cando se intenta facer un pequeno alto e realizar un simulacro de balance, de seguida aparecen os ríos, que como sabemos, van dar á mar. Nada,  non hai forma¡. Sempre fluíndo e deslizándonos para chegar a onde todos sabemos. 
Hai quen intenta, desesperadamente, facer unha pausa. Imposible. A forza do suceso, a rapidez do momento e a chegada do futuro, que sempre está aí, fan inútil calquera tentativa. Pero entón, que facer? Practicamente non hai nada a facer. Se acaso, para poder resistir este trance, parece ser que o segredo está en ir sobrelevándoo o mellor que se poida, con bó ánimo e vontade, tratanto de reter o presente o máis posible, vivindo cada instante con plenitude, con consciencia, con realismo. Asumindo que o ánimo non sempre responde e que a mente pode abordar problemas inesperados, ímos reflectindo aconteceres dos que un non foi responsable pero que chegan porque estamos aquí no mundo real,  onde, de certo, debemos estar ata que nos boten.
Só atopo un pequeno consolo a toda esta peripecia: a experiencia vai mostrando que despois dos atrancos, despois dos problemas e dos contratempos, aparecen momentos diferentes e alternativos, que por forza asumimos que son mellores e, aínda que non acaden a categoría do bálsamo reparador, sempre son gratificantes xa que rachan coa monotonía do negativo, do oscuro, do vacilante e do repititivo.
Con todo, o peor, é cando somos atrapados pola melancolia e a nostalxia dos tempos idos, dos aconteceres que foron e tamén dos que puideron ter sido e non sucederon por eivas e carencias varias, amén de casualidades e circunstancias aleatorias.
Cando facemos contas dos itinerarios e peripecias cambiantes que puideramos ter percorrido se a decisión e a lucidez nos tivesen acompañado só agardamos que este momento pase o antes posible e que veña na nosa axuda o vello aforismo: auga pasada non move muíño. Ao menos o suceso pasa e a riqueza do presente impide que o acontecemeto e a reflexión pase a maiores. E así até a seguinte ocasión. E volta a comezar.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...