3/9/11

Esperando...

... a que as uvas madurezan e as avésporas poidan ter a súa enchenta, antes de que o fío da navalla faga o seu traballo.
A colleita preséntase limpa e abondosa e, porén, houbo que darlle poucas mans de sulfato, mágoa que non poida dicirse o mesmo noutros campos e terreos máis urxentes e decisivos pero menos gorentosos.
O "pintor" está aqui, hai que ir preparando as cubas, as cestas e os culeiros. Hai que ir seleccionando o érbedo para que, no seu momento, poidamos cortar un bó ramo que non desmereza o final da faena. Os cativos gozarán. Ah! Que non hai xa? Certo.
Mais, atención! A falta de raparigos que apañen os vagos! Que facer? Pois outros virán que os recollerán.
Desta forma xa non poderemos mencionar á vella. Aquela que apañando nos vagos foi quen de encher cestos para facer unha ola de viño.
Tampouco estruxaremos cos pés, farémolo coa eléctrica para comodidade duns poucos e perda de moitos. Enviñar aínda o faremos de forma manual, ocasión para poñer a proba os músculos cultivados durante meses en animadas e cheirentas sesións ximnásticas. E barraremos e esperaremos polo cheiro inconfundivel, durante días.
E chegará o San Martiño e probaremos o viño, nesta adega e naquela outra e na de máis aló. E sairá mellor ou pior, sempre alegre e con forza. Aquela que pouco a pouco, co paso dos meses, se irá apagando xusto cando na viña xa agrome, mais unha vez, o encanto da espurga... e volta a comezar.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...