29/7/11

Hoxe vin un xesto

Hoxe vin un xesto que hai anos que non via. Un xesto que denota hábito e certidume. Certidume descreida (ou algo así, sexa iso o que for) de que dito aceno terá algunha repercusión práctica.
Hoxe vin un xesto que confirma a forza da inculcación en anos temperás. Esa que, polo visto, se graba para toda unha vida e que se agocha no inconsciente.
Hoxe vin un xesto automático que me sorprendeu polo inesperado, e que me causou grande estrañeza.
Hoxe vin un xesto propio de outros tempos, quen sabe se premonitorio de que estes non é tan certo que se teñan ido.
Hoxe vin un xesto que me fixo rememorar a miña infancia, aqueles días nos que parecia que o tempo se detiña e que nada habia máis aló do horizonte.
Hoxe vin un xesto...si. Hoxe vin como alguén, ao pasar por diante dunha igrexa, se persignaba. Ben pensado nada do outro mundo. Algo perfectamente normal para moita xente. Algo que non causa, que se saiba, mal a ninguén. Algo fútil, vano, mais...
Hoxe vin un xesto.

26/7/11

Apunte reiterado

Saúdo a iniciativa do xornal portugués Público a respeito do nacemento do seu novo proxecto Público Mais.
Afirman, no editorial de presentación, querer manter os valores intocáveis de rigor e independencia, mais ampliando a súa oferta para mellor contribuir para o coñecemento e deselvolvemento da sociedade á que se dirixen. Para elo realizan unha división en catro grandes áreas, a saber: Reportaxes; Cultura; Ciencia/Ambiente e Multimedia. Máis abaixo afirman tamén algo xa sabido, que o coñecemento é poder, que os cidadáns son máis libres e máis cultos canto máis coñecemento atesouren e que o xornalismo, enténdase a práctica que mereza tal nome, a fin de contas, transforma a información en coñecemento.
Pois ben, gostaría de sinalar un par de precisións.
1ª Comprobo, con mágoa, como mais unha vez, se transmite a falsa idea de que a Ciencia é algo separado da Cultura. Ao realizar a escolla das catro grandes áreas nas que van desenvolver a súa achega, estan a transmitir, consciente ou inconscientemente, a para min falsa idea de que a ciencia nada ten a ver coa cultura. Pois non concordo. Digámolo ben claro novamente: a ciencia, como creación humana na que se poñen en funcionamente cualidades superiores, é cultura.
2ª Estimo pretenciosa e desmesurada a afirmación de que o xornalismo, aínda que este sexa rigoroso e profesional, transforma a información en coñecemento. Os que dunha forma ou doutra, directa ou indirectamente, nos dedicamos profesionalmente a intentar levar a cabo esta transformación sabemos que a mesma non é doada, nin simple, nin  automática. Moi polo contrario esixe esforzo, competencia e saber. Non nego que presentar unha información veraz, contrastada e libre de todo tipo de condicionamentos, ata onde isto sexa posible, claro, é un primeiro paso necesario para que poida optar a ser basamento para a construcción do coñecemento. Con todo, isto non abonda. Cómpren outras cualidades, técnicas, competencias e recursos. 
Agora ben, estou certo que a grande maioría dos lectores do xornal Público (e agora, para o que vou a dicir, "acrescento" o xornal español do mesmo título) posúen suficiente bagaxe do tipo referido para realizar con éxito tal transformación, en tanto en cuanto son quen de usar os catalizadores culturais adecuados que terán de vencer cualquer tipo de "enerxía de activación", por grande que esta sexa.

17/7/11

Conmemoración do centenario da Física Atómica e Nuclear


 
Ernest Rutherford, é o protagonista desta efeméride. A súa "teoría planetaria" da estrutura do átomo, elaborada para tratar de dar unha explicación ao resultado do seu famoso experimento, daría comezo á era nuclear (ou atómica, como nun principio se chamou ao descoñecer aínda a estrutura "fina" do átomo e, consecuentemente, do núcleo).
Obviamente non foi o único físico que tivo relevancia nesta alvorada pero sí o que máis contribuíu a elo.
Tampouco remata aqui a súa achega á física (lembremos o seu descubrimento do carácter estatístico da desintegración radiactiva, ou a súa denominación de radiación alfa, beta e gamma para as diferentes partículas produto da emisión radioactiva) mais, quizáis, sexa este modelo atómico (incompleto e inexacto) o que marcou a súa máxima altura como científico.
Recebeu o premio Nobel de Química en 1908. Depois, xa se sabe, creou escola: Bohr, Chadwick, Oppenheimer,...

15/7/11

O osíxeno_3

Recuperemos o noso discurso sobre a molécula de osíxeno. Vexamos...
Sen osíxeno suficiente para respirar morremos, e esto pode pasar cando estamos nun sitio pechado e se esgota o osíxeno, ou se a presión do aire é demasiado baixa porque estamos a demasiada altura. Nestas cumes aínda existe un 21% de osíxeno (aproximadamente.) só que, fatalmente, a presión do aire será demasiado baixa para que os nosos pulmóns poidan extraelo. Ademais, sabemos que precisamos osíxeno para que o noso corpo xere enerxía, é dicir, dependemos do aporte inmediato deste gas pola atmosfera. Agora ben, existen uns límites superior e inferior á cantidade de osíxeno no aire. Fóra destes límites non estamos seguros, corremos un serie perigo. Así, o nivel de osíxeno debe superar o 17% para non asfixiarte, claro que este nivel no debe superar o 25% se non queres arder vivo. De xeito que, como sucede na maioría dos procesos naturais, hai que respectar uns equilibrios, uns límites, fóra dos cales a vida non sería posible.
Imos ver, podemos respirar aire con máis osíxeno do normal (sabes que moitos enfermos teñen que facelo), o que non debemos é ter ao noso redor aire que posúa as características anteriores (que supere o 25% de osíxeno) porque estamos en serio perigo de morrer como Xoana de Arco. Seica houbo pacientes hospitalizados en tendas osixenadas que sufriron tremendas queimaduras ao intentar acender un cigarro (este éche outro dos inconvenientes que conleva o fumar). E de que pensas que morreron, o 27 de xaneiro de 1967, os tres astronautas que deberían ter dado varias voltas á Terra no primeiro Apolo tripulado? Efectivamente, queimadiños vivos na súa nave ao terse producido un lume no aire rico en osíxeno que había na cabina. Pero isto non é todo. Aínda houbo máis accidentes provocados por estas casuísticas. Un dos máis coñecidos, aconteceu en South Shields, no nordeste de Inglaterra, en outubro de 1969. Resulta que un grupo de operarios estaba a reparar a bodega do buque Lady Delia. Empregaban unha perforadora que funcionaba con aire comprimido, pero que alguén (que non pasara boa noite polo que se ve), por descoido, conectara a unha fonte de osíxeno. Cando se superou o nivel crítico do 25% ... e un obreiro acendeu un cigarro... (outra vez o hábito de fumar)...si, non o tomes a broma que é un tema moi serio. Este destemido operario fumador viuse, de súpeto, no medio dunhas impresionantes lumeiradas. Cando os seus compañeiros acudiron na súa axuda... fatalmente tamén arderon. Contan as crónicas que nuns minutos catro estaban mortos, carbonizados, e outros sete ficaban gravemente feridos.
Pero por norma xeral é a escaseza, e non a abundancia, de osíxeno a que pon en perigo con máis frecuencia a vida humana. Algúns de vós saberedes, por ter lido algo sobre o asunto ou seguido as noticias de prensa de aqueles días, o que significou o proxecto Biosfera, en Arizona, aló polo ano 1993. Oito persoas encirráronse, en decembro de 1991, nun recipiente de paredes de cristal no que pretendía ser un ecosistema artificial, para ver se os seres humanos eran capaces de manter a vida nunha estación espacial na Lúa. A penas nunhas semanas despois daban boqueadas porque o osíxeno do aire tiña caído por debaixo do 17%. Por algunha estrana razón desapareceran 30 toneladas de osíxeno. ?!. A hipótese máis  apoiada é a de que reaccionara co ferro do chan.
Claro, porque o osíxeno é atraído polos átomos de ferro que hai na hemoglobina do noso sangue, e mediante este mecanismo (as moléculas de osíxeno adheridas ao ferro da hemoglobina) transpórtase con eficacia ao ultimo recuncho do noso corpo que precise osíxeno para realizar a súa función vital (por certo, a maior parte das especies, pero non todas, empregan o ferro como vehículo do osíxeno; as arañas e as langostas usan o cobre, e por eso o seu sangue é azul; os príncipes, aínda que din que teñen sangue azul, non sei eu se o seu bus será o cobre e non o ferro, como no resto dos mortais...). Mercé a hemoglobina, un litro de sangue pode disolver 200 cm3 de osíxeno, que supón cincuenta veces a cantidade disolta no mesmo volume de auga (con todo é moi importante que o osíxeno estea disolto na auga, aínda que sexa en pouca proporción, senón que llelo pregunten aos peixes, por exemplo). Agora podes decatarte do feito de que se a cantidade de osíxeno no aire decrece decrecerá tamén no sangue, e aínda que posuamos un rexo órgano que sexa quen de latir con forza e a bo ritmo e consecuentemente bombee o sangue con rapidez para compensar a carencia nel de osíxeno, finalmente non poderá manter ese ritmo, ese exceso de enerxía por moito tempo, e morreremos de forma inmisericorde en poucos minutos. Por certo, xa sabes que o cerebro precisa osíxeno para funcionar (a algúns nin con osíxeno lle funciona). Sen osíxeno, este órgano vital morrerá nun poucos minutos! Pero coidado que un exceso de osíxeno pode envenenalo! Entón? Ben, xa o dicían os clásicos: a virtude está no medio. Nin moito, nin pouco, o necesario.
Por hoxe, mais nada. Haberemos de continuar outro día.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...