28/2/11

Xeracións

Comeza a ser común escoitar, ou ler, que a xeración dos nosos fillos vai vivir peor que a nosa, no sentido material do termo. Con peores empregos, se é que por acaso se pode falar de tal ao que hoxe existe para a maioría dos mozos e mozas con ou sen estudos superiores, con peores servizos públicos de acceso a vivenda, á sanidade, á educación para os seus fillos, de telos, que está por ver,  en fin con máis escasas oportunidades de todo tipo. 
O que se esquece dicir é que iso será así se eles o permiten. Vamos que non hai que aceptar esta premonición como se fose verdade revelada pola divinidade competente. De eles depende que se cumpran eses agoiros e só eles poden intentar impedir semellante estado de penuria e explotación.
Até tempos moi recentes a situación era realmente desoladora, con moi escasos signos de que a realidade imposta puidese ser cambiada,  alomenos minimamente.
Mais semella que algo diferente está a surxir, con dificultade pero tamén con firmeza.
Libros como "La insurrección que viene" editado Eric Hazan e publicado aqui pola editorial Melusina, feitos como os acontecidos arredor da estrea en directo dun tema, "Parva que sou", dos Deolinda que rapidamente se converteu nun auténtico fenómeno social en Portugal  con fortes resonancias nas redes sociais e que agromou no movemento da "Geração à Rasca" que ten convocados protestas varias no país viciño, e que se tornou nunha referencia cuase onmipresente na realidade social e política portuguesa nestes momentos, a invitación á rebelión feita polo ex-combatente da Resistencia francesa e diplomático Stéphane Hessel co seu manifesto "Indignez vous" ou mesmo, aínda que nunha orde de relacións e motivos moi diferente, as revolucións populares que están a acontecer en certos países árabes, indican que non todo está escrito e que se alguén xa o ten reflectivo en negro sobre branco, ben pode borrarse dun plumazo se a forza da mocidade organizada se pon en marcha. Nelo vaille a posibilidade de ter futuro.





24/2/11

Ocurrencia?

Parece ser que hai que acabar coas escolas. Si, é unha das penúltimas modas. Hai aproximadamente un ano que Julian Gough nunha columna na revista "Prospet" lanzou a idea.
O seu razoamento, non entanto, merece a pena ser considerado. Fagámolo coa axuda dun artigo de Pedro Adão e Silva no Expresso.
Basicamente o autor afirma que o ensino obrigatorio baseado nun currículum ríxido, impartido e administrado en salas de aula pechadas para grupos de mozos que escoitan pasivamente, foi eficaz no pasado como preparación para unha sociedade en vías de industrialización, mais xa deixou de ser eficaz no presente e, sobre todo, de cara ao futuro, onde o que cómpre, seica, é formar a cidadáns emprendedores, a xente con iniciativa que practique a flexibilidade no cambio de posto de traballo e que estea, asimesmo, disposta a asumir riscos na súa peripecia persoal. A escola actual continúa a funcionar en base a unha organización social e en función duns intereses que xa non existen e polo tanto está condenada ao fracaso.
Claro a pregunta surxe de inmediato. Se esta escola non vale, non é útil, non cumpre a súa función, que outra escola ten de vir?
Segundo Gough, ningunha.
Efectivamente, hai que abolir a escola como institución por arcaica e ineficaz.
Mais logo, como acadar a aprendizaxe?  Pois coa axuda da puxante e moderna industria do entretemento, mediante xogos de computador, baseados na simulación e na estratexia nos que se insiran, nun ambiente motivador para o alumnado, os contidos programáticos e temáticos que se estimen necesarios (non entremos agora en cales estes deben ser). Esta idea forza argumentase, tamén, en base a que deste xeito o interese e a motivación dos discentes estaría asegurado, sendo como son factores claves para o exito de calquera proceso de ensinanza e aprendizaxe.
Proclámase pois o seguinte: a industria do entretimento é o novo sistema educativo. Vertamos os feitos, conceptos, principios, procedementos, técnicas e ata valores e normas nos diferentes xogos para os computadores e deixemos que as crianzas vaian asimilando estes contidos dunha forma divertida, amena e gratificante. Que máis se pode pedir? Semella que por unha vez van ter razón certo tipo de pedagogos na súa vella teima de procurar que os nenos xoguen e se divirtan como punto de partida para que poidan acadar unha aprendizaxe de valor. Como di o outro, con fundamento.



13/2/11

A cada un o seu

Seica algúns profesores que imparten docencia na universidade fican molestos e sorprendidos co baixo nivel cultural do alumnado que nos últimos anos accede á universidade. Que se non entenden o que len, que se apenas saben interpretar textos escritos, que se non saben razoar, que se a capacidade de cálculo é moi baixa...
Ben, teñen razón. Un número significativo de universitarios parece que mostran estas carencias, que evidencian este déficit, que se adornan desta roupaxe.

Mais, un número non menos significativo de estudantes universitarios, ao acceder ás salas de aulas da universidade, comproban contrariados e abraiados cómo algúns profesores teñen un baixo, ás veces inexistente, nivel de uso das tecnoloxías da información e da comunicación.
Acostumados, na maioría dos casos, ao uso das TIC nos procesos de ensino e aprendizaxe, apenas acreditan na forma en que se desenvolven certas clases, nas que se empregan metodoloxías digamos que "clásicas", prescindindo das utilidades e ferramentas que permiten as TIC e a web 2.0.
Ante estes feitos, parte do estudantado síntese triste e defraudado. E tamén teñen razón para elo. Tomar apuntes a estas alturas semella, cando menos, ridículo. Repetilos nos exames, con máis ou menos fidelidade, mesmo incrível.




10/2/11

Momentos estraños

Son aqueles que agroman de súpeto cando pasamos por certos lugares, edificios, parques, prazas, rúas... que foron próximos e cotiáns e que hoxe tan só son esporádicos e casuais.
Son estraños porque se rememoran situacións, circunstancias, condutas e feitos que non correron ben ou non foron ben resolvidas no seu día. Alomenos isa é a percepción que se ten agora, co paso dos anos.
Un sempre se inclina a considerar que se puido facer máis, que se deberon meditar máis algunhas decisións, daquela vividas quizáis como intranscendentes pero que co paso do tempo foron revelándose como principais e determinantes; que se tiveron de facer maiores esforzos, desplegado máis ambición, máis entusiasmo e maior enerxía; que o correcto desde a perspectiva actual tería sido ter soltado amarras de hábitos e prácticas pouco saudáveis; saudáveis? pero se non existía tal concepto! Quen pensaba niso!
Pois si, sempre se puido ter chegado máis lonxe, máis alto, máis enteiro.
Ben, xa pasou. Nada se pode facer. Tan só, cando nos enfrontamos a estas situacións, alixerar o paso para chegar o antes posible a outros lugares xeográficos ou mentais máis neutros, que permitan que as lembranzas volten á cela da memoria onde deberan permanecer durante prolongados períodos temporais. Como se acostumen a facer percorridos á menor ocasión que para elo teñan, non sei se no futuro seremos quen de gobernar ben estas memorias que por momentos firen e acutilan, ao actualizar épocas pasadas que foron e non sempre como a un lle gostaría que tivesen sido dende a perspectiva actual. En todo caso, así é a vida: equívoca.




Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...