30/3/10

Encantado de terse coñecido


Pero que contentiño estaba onte polo serán o Sr. Feijóo, á postre actual Presidente da Xunta cando presentaba en rolda de prensa un papel asinado por tres persoeiros. O asunto ía dun acordo que concernía aos "xefes" das caixas de aforros con sede na Galiza, e tamén á Sr. Conselleira de Facenda, en relación ao inicio das negociacións para tratar de chegar a unha fusión (algúns din que unha absorción, mais nise caso o noso Presidente sairía en apoio da caixa minusvalorada e non permitiría tal afrenta) das entidades que presiden.
Non facía máis que referirse a dito acordo, á literalidade do mesmo, cada vez que respostaba ás preguntas dos periodistas. Ensinaba o folio, plegábao e desplegábao, mostrábao por diante e por trás; por veces ocultábao momentáneamente para voltar a ensinalo trunfalmente ante unha nova pregunta. Percibíase que estaba a experimentar algo moi parecido á felicidade. E non é para menos: saia como saia o tema da fusión, ou mesmo da fisión, das entidades financeiras, a súa posición política non fará máis que medrar, tan ben calculado ten o seu discurso. Moito máis triste é o papel que lle toca xogar á oposición, por diferentes motivos ben é certo.
Facíalle falta ao Sr. Presidente un motivo de alegría despois do grave traspés que tivo o outro día nun discurso na sobremesa dunha cea disque benéfica.

27/3/10

Remexendo baixo terra

  1. Pode alguén dicirlle a quen corresponda que pare xa de remexer? Que non abale máis, por favor. Que a parte central de Chile xa está suficientemente aderezada.
  2. Ata cando aturará o chamado clima social o actual cheiro a corrupción, a malversación, a prevaricacións varias, a filtracións próximas e a tráficos de influenzas nada inocentes? A tufarada, duns meses a esta parte, é moi forte e os "profetas" de oficio, pero tamén os de ocasión, tanto por escrito como verbalizadamente xa se atreven a citar ao monstruo dunha forma directa e explícita. A xente comeza a estar farta, sexa pola crise ou sexa pola impostura de ver a cotío como os espabilados se afanan sen pudor, amasando e cargando a plena luz do día. Fan unha explosión informativa controlada e esperan a que o seu efecto se esparexa ate facerse inócua. E, de momento, vailles funcionando¡
  3. Dentro de dous días terán que demostrar o seu poder, terán que mostrar todas as súas potencialidades. Parece ser que poderíamos asistir á reprodución dunhas condicións nunca antes experimentadas. Veremos se remexen ben.

13/3/10

Impresión

Xa sei, xa sei. É algo tarde para vivenciar o dos "escalopíns". Sábese en que consiste este prato, mais o certo (e ista é unha pista) é que remato de tomar uns extraordinarios nun restaurante ás aforas de Compostela. Fun quen de voltar a experimentalos, a actualizar o seu contexto, vista, presentación, aroma, sabor. Non por coñecido resulta menos gratificante. De todas formas, unha reflexión. Son uns simples (e por outra banda, boísimos) "bistecs" de tenreira rebozados en fariña e ovo, pero como hai trinta ou corenta anos e, dende logo, como os farían (por sorte ás veces aínda os fan) as nosas avoas e/ou nais (daquela o avó e/ou o pai, nalgúns contextos, comezaba a mudar o seu rol).
Que mundo este que o cotián e rotinario comeza a ser extraordinario¡¡.

7/3/10

Domingos distintos

Son os que se dedican a facer camiñatas de algunhas decenas de quilómetros, xantar na compañía de bons amigos uns alimentos sinxelos, humildes, naturais, pero moi sabrosos, beber un viño do común pero que baixa ben no momento e despois non fai dano ao corpo ou engulir uns bós grolos de auga cando a sede apreta. Antes houbo tempo de tomar unha caña ou, quizáis, un vermú, eso si sen sifón, acompañado cun pincho de tortilla de pataca que sabe como nos mellores tempos. Ademáis, a amabilidade da xente entá en consonancia coa beleza do paraxe.
Desta forma, con este ritmo, a fin de semana mantense sen variación, o venres segue a ser venres, o sábado conserva toda a súa grandeza e o domingo érguese ante nós rexo e vital. Lonxe de ter que vivilo nun ambiente anguriante, monótono, esperando a reincorporación á rotina, amodorrado na cadeira ou no sofá, ou enfeitizado fronte a unha pantalla de plasma, gózase en plena natureza bicando ao ar fresco, sentido o palpitar das gotas de chuvia ou deixandose arrolar polas raiolas que de cando en vez asoman polo horizonte.
E, por se fose pouco ás sete do serán, como moi tarde, estás en perfecta formación para facer aquelas preparacións, traballos ou previsións a que haxa lugar. Simplesmente perfecto.

3/3/10

Tirar consecuencias

Iso é o que debería facer o Sr. Pedro Puy. No seu artigo do "El País" de hai uns días falaba da necesidade de protexer aos idiomas españois que tamén son oficiais nas súas respectivas comunidades, e de cómo foi a peripecia que rematou no nome de castelán para identificar ao idioma oficial en todo o Estado cando se estaba a artellar o pacto constitucional que deu lugar á Constitución de 1978.
Este deputado do PP pasa por ser, aparentemente, un dos máis moderados, razoables, centrados e cultivados do seu grupo, afastado de posturas e correntes máis extremistas, radicais, reaccionarias e retrógadas que practican e profesan algúns dos seus colegas de militancia. Por iso é mágoa que non continúe co seu razoamento e para evitar que o idioma galego fique ben "jodido" non se sabe por canto tempo por mor de determinadas medidas que está a tomar o goberno galego, non erga a súa voz e, sumándoa á de outros destacados militantes do seu partido, denúncien que o noso signo de identidade máis preciado está sendo abandonado á súa sorte deixándoo horfo de calquera medida protectora. Dé a batalla que a causa merece a pena.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...