29/12/10

Un signo dos tempos

O peche da cadea de televisión CNN+ evidencia ben as claras o empobrecemento da oferta de medios de comunicación social que estamos a soportar nestes tempos confusos e revoltos. A operación de absorción da cadea Cuatro por Tele5 xa antecipaba os malos ventos que ían correr, e corren, para a liberdade de expresión, para a diversidade informativa e para a calidade do oficio, moi digno, de informar á sociedade con rigor, profesionalidade e liberdade (esta última cualidade sempre dentro do viable e do posible, naturalmente).
A outrora todopoderosa Prisa viuse na obriga de vender parte dos seus activos e de pedir axuda a fondos de inversión agobiada polas deudas e os resultados de tales medidas están ás vistas: profesionais do periodismo de recoñecido prestixio e técnicos cualificados no paro e a oferta informativa diminuida de forma alarmante.
Paradoxos do destino, agora só queda aturar, hai xente para todo, ao "experimento sociolóxico", como alguén temerariamente lle chamou ao que non é máis que lixo, degradación e espectáculo noxento. E digo aturar porque na busca do canle 24 horas da rtve que aínda está ao noso dispor e ao cal teremos que recurrir para manternos minimamente informados, podemos atoparnos, por descuido, co espectáculo e co panorama da actuación e da visión de seres humanos expondo as súas cuitas e miserias sen o auxilio da máis mínima racionalidade, sensatez e bon gusto.

28/12/10

Campañas

Cando xa faltan menos de seis meses para que se inicie a das eleccións municipais non sei eu se algúns terán aprendido a lección. Refírome ás ensinanzas que deberían tirar e asumir da forma de facer campaña que certo partido político realizou nas últimas eleccións ao parlamento galego e as que se derivan das que fixeron, sobre todo un deles, outros dous partidos que daquela partillaban o poder político na Xunta.
A algúns candidatos "in pectore" ou xa elixidos ou mesmo nomeados por "aclamación", que de todo hai, xa se lles comezan a notar as gañas que teñen de principiar a demagoxia, a falsidade, o insulto ou mesmo o ataque persoal e irracional. É de esperar que, daquela, os contrincantes realicen unha campaña racional, sosegada, explicativa do seu programa e proxectos e a desenvolvan de forma positiva, mais... que non se esquezan do feito de que deben responder, en tempo e forma, aos ataques, inxurias e maledicencias de que sexan obxecto, que deben aclarar á cidadanía calquera cuestión, por pequena e insignificante que pareza. Non vaia a pasar como aconteceu hai dous anos que por mor de estar na torre de marfil atendendo a non sei que altas instancias e dignidades, situándose por riba do ben e do mal, se deixe sen resposta o que merecese tela e, como consecuencia, alguén que non debera, usando tramposos e indignos métodos, se cole pola porta grande dos concellos.
Por que será que cando me refiro a estes temas sempre se me ben a mente aquel dito que di que na terra dos lobos hai que oubear coma eles?

12/12/10

Non se dá feito


Efectivamente. Ante tal cantidade de novas rupturistas e rechamantes.
Que se dopping no deporte espectáculo (ese grande deus ex machina destes tempos incertos), que se profesionais rebeldes e lacazáns (segundo a oficialidade e autoridade de quenda), que se mercados (é dicir, bancos e fondos de inversión; fóra eufemismos) díscolos e desconsiderados, que si... pero qué diantres está a pasar...
Alguén sabe dalgún faro ben situado, dalgunha guía recoñecida e afeita a este tipo de desvarios, de algún chamán en activo?

25/11/10

Proposta "Rubalcaba"

O vicepresidente do Goberno e ministro do Interior Sr. Pérez Rubalcaba remata de lanzar para o debate unha nova proposta sobre a posibilidade de establecer un "Mir educativo". Quérese dicir, establecer un sistema, sellemante ao que xa existe para seleccionar aos médicos, para escoller ao profesorado que opte para exercer de traballador no ensino público.
A proposta semella razoable, se partimos da base de que no ámbito público deben estar sempre os mellores e máis formados profesionais e de que o actual sistema de selección é manifestamente mellorable. Mais, por que lanza esta idea agora? Por que non se considerou cando se foron redactando as sucesivas leis orgánicas de educación? ( LOGSE, LOCE, LOE). Non será que os actuais e manoseados sitemas de distracción, manipulación, adocenamento e alienación xa non son dabondo para manter o actual sistema? E que xa se esgotaron e non dan máis de si os derbis, o telelixo, o deporte espectáculo, as revistas de alto voltaxe, os record abraiantes, os premios esperables ou os  innúmeros fenómenos de festas de gardar e rachar, que temos que recurrir a outro tipo de pírulas?
Ben, consideremos e estudemos polo miúdo a proposta do Sr. Rubalcaba mais non deixemos de atender tamén ás outras moitas preocupacións que un cidadán crítico e responsable debera ter nestes momentos. Citemos, como botón de mostra, só unha: que farán as entidades financeiras cos fondos que depositamos nelas? Uhm¡ Qui lo sa! Ou en realidade si o sabemos?

20/11/10

A voltas coa educación

Juan Carlos Tedesco, nun interesante artigo que publica hoxe "El País", presenta, de novo, a transcendencia do elemento educativo como vector imprescindible na procura da xustiza social, digna e lexítima aspiración que deberían ter aqueles que dirixen temporalmente, por representación e delegación, o destino dos pobos.
O reto de lograr unha educación de calidade pode e debe habilitar a posibilidade de saír da incertidume actual e iluminar o camiño a seguir para conquerir sociedades máis formadas, máis ilustradas e, consecuentemente, máis xustas. Mais a empresa non é nada doada, nin simple, nin inmediata. No acto educativo concurren moitos factores para cuxa harmonización son necesarios esforzos, de todo tipo, moito talento e non pouca determinación.
Os estudos e a investigación neste campo (a idoneidade da educación como motor do avance social) parece que conclúen na importancia de implantar melloras e definir estratexias de actuación nos seguintes elementos e factores:
  • Escolarización temperá. Canto antes se comece mellor. Cómpre non demorar a colocación do alumnado baixo o amparo da institución escolar para frear e, na medida do posible, subsanar as posibles desigualdades sociais de partida.
  • O traballo docente deber ser potenciado, dignificado e estruturado conforme a parámetros de profesionalidade e rigor. Criterios decimonónicos como a antigüidade deben ser corrixidos, cando menos matizados, por outros que teñan a ver coa excelencia, a dedicación e o talento.
  • Elemento primordial na aspiración a unha sociedade máis xusta debe ser o empeño en alfabetizar do punto de vista científico a todo o alumnado. Na sociedade actual non é posible que o cidadán asuma o papel que lle corresponde, crítico e responsable, se non está dotado duns coñecementos mínimos sobre a natureza e funcionamento da ciencia e da tecnoloxía a ela asociada, así como dos seus máis principais logros, sen esclavizarnos en especializacións estériles e disuasorias, que en todo caso terán a súa razón de ser nos estudos superiores. Así de claro: ninguén debera gabarse en público de certas ignorancias coa tranquilidade de saber que a xeneralidade da súa audiencia saberá aceptar e desculpar tales carencias, por telas eles mesmos acumuladas en suficiente cuantía.
  • A alfabetización dixital non admite discusión nin vacilación, como tampouco o fixeron, na súa época, a posibilidade de introducir técnicas ou conceptos tales como a escritura, a imprenta, ou a inducción electromagnética. É dicir, sempre pode haber graduacións no tocante as fases e intensidades de implantación, pero non en canto á conveniencia de facelo.
  • A implicación de todos os integrantes da comunidade educativa nun proxecto común, compartido e asumido. E, loxicamente, posuir os medios para poder levalo á práctica.
 Todo isto tornarase en luces de córes se non vai acompañado da correspondente prioridade social e política, da definición da educación como un sector estratéxico merecente, lonxe de retóricas elegantes e, ao mesmo tempo, paralizantes, de todo tipo de apoio e, sobretodo, na asunción da perseverancia no empeño máis aló das diferentes citas electorais.

14/11/10

Premios


Premios, premios, premios...
Por acó, por acolá. Por riba, por baixo, para dentro, cara fóra.
De literatura, de música e de fotografía, de deseño, de arte, de ciencia, de cinematografía e mesmo de cromatografía.
Premios, premios, premios...
Para pagar favores, para comprar vontades, para dar a coñecer o que interesa, para ocultar o necesario, para evitar o molesto, o vengoñento, pero tamén o necesario...
Premios, premios, premios...
Merecidos e indiscutibles, singulares, colectivos, prescindibles, repetitivos, vulgares, obscenos, rechazables...
Premios premios, premios...
Incansables, inasequibles, innecesarios, aburridos, espectaculares, deleznables, innombrables, asumibles, esperables...
Premios, premios, premios...
Internacionais, nacionais, rexionais, comarcais, mesmo locais e veciñais, por acaso gremiais e até grupais.
Premios, premios, premios...
Competindo como cogumelos despois de abundante sol e auga, para tan escasos premiados.
Premios, premios, premios...

12/11/10

Incerteza

Hai un principio básico na mecánica cuántica que foi formulado por Werner Heinsenberg en 1927 que afirma, nunha das súas posibles formulacións, que é imposible determiñar simultaneamente con absoluta precisión a posición e o momento linear dunha partícula; de forma que, no mellor dos casos, o produto das imprecisións en ámbalas dúas medidas é igual á constante de Plank dividida por 2π.
Pois ben, a modo de brincadeira, eu propoño unha formulación alternativa e surrealista desde importante principio, que condicionou no seu día no só á Física senón, en xeral, a todos os saberes que aplicando o método científico buscan aumentar o coñecemento sobre a natureza; principio que mesmo atinxiu ao pensamento combatendo a idea do determinismo como motor da acción humana.
O enunciado podería quedar da seguinte facha: é imposible determinar con absoluta precisión a grandura do patriotismo que os medios de comunicación de masas outorgan graciosamente a certos deportistas profesionais de elite e os innumerables mecanismos que estes últimos argallan para contribuir o menos posible ás arcas comúns do Estado ao que pertencen os centos de miles de fieis seguidores que os aplauden, santifican e idolatran. De forma que, no mellor dos casos, a forma con que son presentados estes deportitas á apinión pública pola maioría destes mass media é igual á constante hipócrita dividida pola conveniente e acostumada dose de alienación social.

7/11/10

Visita


Galileo Galilei

 "Los hombres temen al pensamiento más de lo que temen a cualquier otra cosa del mundo; más que la ruina, incluso más que la muerte. El pensamiento es subversivo y revolucionario, destructivo y  terrible. El pensamiento es despiadado con los privilegios, las instituciones establecidas y las costumbres cómodas; el pensamiento es anárquico y fuera de la ley, indiferente a la autoridad,  descuidado con la sabiduría del pasado. Pero si el pensamiento ha de ser posesión de muchos, no el privilegio de unos cuantos, tenemos que habérnoslas con el miedo. Es el miedo el que detiene al hombre, miedo de que sus creencias entrañables no vayan a resultar ilusiones, miedo de que las instituciones con las que vive no vayan a resultar dañinas, miedo de que ellos mismos no vayan a resultar menos dignos de respeto de lo que habían supuesto. ¿Va a pensar libremente el trabajador sobre la propiedad? Entonces, ¿qué será de nosotros, los ricos? ¿Van a pensar libremente los muchachos y las  muchachas jóvenes sobre el sexo? Entonces, ¿qué será de la moralidad? ¿Van a pensar libremente los soldados sobre la guerra?    Entonces, ¿qué será de la disciplina militar? ¡Fuera el pensamiento!
                                             Bertrand Russell: "Principes of Social Reconstruction". London, 1916.

Tolerancia
Un hábito saudable
Pluralidade
Unha aspiración.
Separación
Do que é de natureza diferente.
Aforro
Unha necesidade apremiante.
Respecto
Algo básico.
Convivencia 
Ben que non debe perderse.
Ameaza
Connota a quen a practica.
Comparación
Sempre perigosa, ademáis de inxusta.
Negocio
Non sempre desexable.
Inxerencia
Entre Estados soberanos non é bon practicala.

Blasfemia, Herexia, Inmoralidade.
"Tembláis más vosotros al anunciar esta sentencia que yo al recibirla"      
8 de febreiro de 1600, Giordano Bruno. 
 
 

25/10/10

Práctica molesta, ofensiva e irrespetuosa.

Non son de agora, mais ultimamente proliferan os programas de radio que teñen seccións onde o locutor ou locutora de turno se dedica a facer unha chamada telefónica, supostamente a chou, pero dirixida sempre a algún sector de actividade ou perfil social concreto, para contarlle unha historia inverosimil e, por suposto inventada, co único obxectivo de chancearse, de practicar a broma a costa da paciencia dos demáis, que moitas veces están no seu traballo e vense, súbitamente, invadidos no seu espazo laboral por estes individuos sen escrúpulos, que realizan preguntas ou plantexan situacións que desconcertan, e que ás veces mesmo enfadan,con razón, ao interlocutor.
No estudio adoitan ter colegas e aguadores, compañeiros que celebran e animan e que directamente se rien do interlocutor ao respostar este de forma desconexa, desorientada, airada e, por veces, alporizada ante a reiteración de afirmacións, pareceres ou preguntas absurdas, inverosímiles ou denigratorias. E quen non ¡
Estes "fenómenos" pretenden, coa súa actividade, que os oíntes pasen un momento relaxado, alegre e pretendidamente divertido, a costa de poñer a un cidadán anónimo nunha situación delicada por mor das insensateces, estupideces e situacións embarazosas que lle están a comentar só con ánimo de engano e farsa. Cando este estoupa e comeza a dicir palabras maiores, a miúdo insultos, ou a responder nun ton amenazante, o "fenómeno" intenta manter a tensión dialéctica o maior tempo posible, ata que finalmente el mesmo se asusta e da por concluído o "xogo" descubrindo a súa identidade e dando a coñecer o seu cometido ante o paciente cidadán que a estas alturas está xa nun estado de shock próximo á obcecación e á desesperación. E con razón.
Pois nada, esta panda de "atracadores verbais radiofónicos" aínda ten máis que dicir se o seu interlocutor non reacciona docilmente, como pretenden, cunhas risotadas forzadas e culpables, case que agradecendo a deferencia de telo posto nunha situación tan estresante e ridícula. Si porque, cando o cidadán concernido non se deixa asoballar e reacciona dunha forma enérxica, declarando o seu enfado e mostrándose contrario a tales prácticas, e moitas veces cortando a conversación en seco, estes locutores estrelas aínda teñen máis que dicir comentando que hai que ser máis tolerantes, que hai que aguantar unha broma, que só era un xogo,... mequetrefes ¡. Pero non se decatarán que non todos estamos dispostos a saír nos "medios" de calquera forma? Pero quen son eles para invadir o ámbito privado dunha persoa, de molestalo e perturbalo no seu traballo, no seu descanso. E que a loita polas audencias xustifica todo tipo de actuacións. Pero a esta xente non lle ensinaron deontoloxía no seu proceso de formación? Xa está ben¡.
Se nalgún momento fosen os cazadores cazados, se recibisen algunha destas chamadas cando estean a traballar, preparando o programa por exemplo, e esta comunicación lograse poñelos nunha situación similar á que eles provocan, a bon seguro que xa o pensarían mellor a seguinte vez que se lles ocorrese semellante práctica, semellante idea luminosa.
Con todo, o máis efectivo para acabar con esta práctica penso que é a denúncia, presentando no xuzgado a correspondente demanda e/ou querela por intromisión na vida privada das persoas, con posible afectación da súa imaxe e proxección pública. Cando a empresa para a que traballen teña que facer fronte a unha sentenza firme de condena, daquela xa estaría, por motivos obvios, o problema resolto.
Por certo este mesmo proceder, que foi usado tamén como argumento en cuñas radiofónicas de publicidade, vale tamén para eses programas de cámara oculta que ás veces emiten en certos canais de televisión, aquí por riba co agravante da imaxe. É a mesma estupidez, a mesma invecilidade, rirse dos demáis, descoñecendo que a verdaeira risa, o xenuino chance comeza por un mesmo, conscientemente, por decisión propia, e non cando tres ou catro "iluminados", créndose os reis do alpendre e os descobridores do Sol, intentan aumentar a súa audiencia a costa da dignidade e imaxe pública dos demáis.
Acredito que sempre haberá quen lles rían, e incluso celebren e comenten, estas súas "bromas". Mais, conmigo desde logo que non conten. Tropa de soberbios presuntuosos¡

12/10/10

Acertando no alvo

Ista é a sensación que un vai tendo ao ler o artigo de Gregorio Peces-Barba titulado "El nacionalismo de sociedad cerrada" publicado onte no xornal "El País".
Efectivamente un vese inexorablemente dirixido deica o alvo do tópico que non por moitas veces repetido resulta máis certo.
O autor principia o artigo no ton pedagóxico e doctrinal que lle é tan propio citando a Tönnies a propósito da súa clasificación entre sociedade e comunidade.
Despois de identificar os principais elementos definidores do concepto nacionalismo, de establecer unha clasificación dos seus tipos e de facer un breve percurso histórico polos movementos políticos e sociais máis sobranceiros que usaron a súa bandeira para conquerir a revolución e/ou emancipación dos Estados colonizadores, fai unha demorada descrición de aquel que ten por base ou se asenta no concepto de volkgeist.
Mais un, a estas alturas, xa ten claro por onde van as ideas do autor, por onde vai rematar o seu discurso, en función de qué tiña escrito todo o anterior. Efectivamente o penúltimo parágrafo vai directo e acerta no alvo.
Por último unha dúbida: a qué unidade política que leva 500 anos existindo se referirá o profesor Peces-Barba no último parágrafo do seu artigo? Ista ambigüidade final contrasta, certamente, coa firmeza e claridade anterior.

30/9/10

Mudar de métodos

Ao fío do artigo de Fernando Vallespín do pasado venres, 17 de setembro, do artigo de Enrique Gil Calvo do pasado luns, 20 de setembro, e do tamén artigo de José María Ridao do pasado luns, 27 de setembro, todos pertencentes ao xornal "El País", cos que, salvo matices, coincido, vou realizar un comentario sobre certa práctica que xuzgo desfasada e pouco operativa na altura dos tempos de corren.
É referente á toma de decisións nas grandes corporacións de carácter económico, político, social ou sindical. É costume xeneralizado que as cúpulas que as dirixen cheguen a acordos e tomen decisións sobre asuntos de vital importancia sen consultar aos suxeitos que se van ver directamente afectados por tales acordos e decisións. Esquécese que hoxe é tecnicamente posible contactar con todos e cada un deles para recabar a súa opinión diante da pertinencia desta ou desoutra medida a tomar, e, xa que logo, ter máis un elemento referenciador para enriquecer as perspectivas que condicionen, ou non, esta toma de decisións.
Non se cuestiona a existencia mesma de certas elites para dirixir as grandes corporacións mais si o feito de que non usen as modernas ferramentas de comunicación que as TIC poñen ao seu servizo para recoller a maior e mellor información posible sobre determinado asunto, cuestión ou evento. De facelo, a bon seguro que a decisión tomada estaría máis acorde co sentir maioritario dos afiliados, asociados ou militantes, sen necesidade de ter que interpretar este co conseguinte risco de erro.

16/9/10

Clases maxistrais


Anda estes días o panorama de artigos de opinión nos xornais algo revolto por mor da vixencia, ou non, das chamadas clases maxistrais. Para uns seguen a ser perfectamente válidas, sempre e cando se dean con dignidade e suficiencia e para outros son unha rémora do pasado que a pesares de teren resistivo durante moitos séculos deben axiña ser superadas por outras prácticas máis acordes coa utilidade e aproveitamento do acto docente.
No fondo o que está en discusión é a pertinencia, ou non, da reforma que supuxo o chamado Espacio Europeo de Educación Superior (EEES), comunmente coñecido como proceso ou modelo Bolonia. A idoneidade, pertinencia e utilidade das clases maxistrais só constitúe unha mera excusa para seguer debantendo sobre este cambio de modelo da práctica da ensinanza universitaria. O asunto, polo que se ve, está lonxe de ficar tranquilo e aproveitase calquera circunstancia para reverdecelo, actualizalo e seguir dando caña ao mono.
Con todo a min o que realmente me interese é deixar constancia de que a pesar de que os partidarios e detractores de tal práctica na aula aportan argumentos serios e de fondo para defender os seus respectivos pareceres, o tema queda resolto, ao meu ver, coas posibilidades técnicas que a calquera docente, do nivel educativo que sexa, lle brindan as aulas virtuais. Aquí as virtudes que supostamente posúe a clase magistral quedan potenciadas e moitos dos seus inconvintes e disfuncionalidades minorizados. Por outra banda as aulas virtuais constitúen unha ferramenta moi potente para tratar a diversidade e a masificación das aulas.
Eu animo a que se faga uso das diferentes plataformas virtuais de aprendizaxe para descubrir as potencialidades das cales estou a falar. Só unha última cuestión: as aulas virtuais, lonxe de eliminar ou cando menos menoscabar a figura e a importancia do profesorado, o que fan é potenciala ata facela, agora si, insustituible.

2/9/10

O futuro será pior

Iso é o que afirman os científicos e metereólogos en relación ao clima que acontecerá nas vindeiras décadas. E ás súas influenzas nas catástrofes con el relacionadas: vagas de calor, chúvias torrenciais, furacans, tsunamis, etc.
Arecente vaga de calor na Rusia e as inundacións en Pakistán e China son unha mostra evidente de que o cambio climático está aqui e, visto que, de momento, non hai medidas correctoras serias que tendan a minoralo, o futuro tórnase incerto con posibilidades de máis catastrofes.
Cada vez con maior forza a comunidade científica internacional relaciona, dentro das cautelas propias do método científico, o fenómeno do cambio climático cos desatres naturais aos que antes facíamos referencia. E o pior do asunto é que estes fenómenos, a súa vez, están na base de perturbacións graves na producción de determinados alimentos. Consecuencia? Que máis de mil millóns de persoas, un millardo, están a pasar fame no mundo. E só un 10% desta poboación é obxecto de atención polo Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas. O panorama, como se ve, é cando menos... mellorable.

30/8/10

Pois é, cada vez vai ser máis custoso...



...soportar o sen número de mamonadas, parvadas, necidades e insensateces que esta sociedade escupe todos os días. Facíase eco delo Javier Marías no seu último artigo no "El País Semanal". Non sempre coincido coas opinións deste afamado e prestixioso escritor, pero neste caso fágoo plenamente. Refírese a que cada vez con maior frecuencia maniféstanse na nosa sociedade comportamentos e actitudes que por groseiras, chuscas, vulgares e vergoñentas resultan de difícil asimilación e dixestión, por pouco raciocinio que un practique ou por pouca sensibilidade que un posúa. O máis deprimente é que, moi frecuentemente, non é posible escapar deles, pois inmescúense por todas partes, invadíndoo todo, aínda os lugares e medios que un cría, inocentemente, que se mantiñan afastados desta mentecatez que nos invade, que nos asulaga e que ameaza con destruirnos. Ademáis dos casos xa referidos por Marías no artigo vou engadir eu algúns outros que considero que entran no mesmo saco.
Un podería ser o practicado por a clásica asociación de veciños, comisión organizadora de festas, grupos de asociacións de amigos do... (engádalle vostede o que estea a pensar) ou grupos ou peñas varios, que se empeñan en facer, confeccionar, cociñar ou construir o máis grande non sei qué do mundo. Un pode entender, e de feito entende, comprende e mesmo participa, que se busquen formas de practicar un sano e pracenteiro deleite gozoso, luxurioso ou festivo, pero desto a aquilo outro hai un treito que non se debería percorrer, por mor de manter unha certa dignidade, tamén nestes menesteres.
Outro comportamento desta natureza podería ser o de certos comunicadores, periodistas, escritores ou intelectuais, que nos medios de comunicación social, nomeadamente a radio e a televisión, non teñen reparo, á menor oportunidade e veña ou non a conto, en manifestar as súas teimas e querencias sobre o equipo dos seus amores. De nada vale que o programa en cuestión nada teña a ver co deporte de masas, o certo é que fan os seus previsibles e tópicos comentarios e ata se engoman no trance. Pasado un certo tempo xa viran para a función e temática que, en principio, os xustifica. Din que queda ben e que seica da audiencia. Será.
Un último caso, para non cansar. Dende a Dirección xeral de tráfico, e tamén desde outros organismos oficiais, teiman en lembrarnos que non debemos ir a maior velocidade da permitida, en que non debemos tiras cavichas, en que debemos respectar as normas de circulacións... e fanno pedíndolo por favor. Francamente esta forma tan educada de chamarnos á atención xúzgoa excesiva por paternalista. Ben está que nos actualicen a conveniencia de observar certas normas pero deberían facelo dunha forma aséptica e neutral, pensando que os destinatarios de tales mensaxes somos persoas adultas e con certa actividade cerebral.
Cadaquén seguro que podería poñer moitos máis exemplos. O que resulta máis desasosegante é o convencemento de que estas prácticas seguirán a invadir no futuro as nosas vidas.

28/8/10

Opinión sobre o "tiqui taca"



Non podía crelo. Non daba creto. Nun xornal como "El País" que se ten por serio, rigoroso, profesional e independente (agora tamén global, pero só en español) no seu apartado de "opinión" aparece un artigo no que o Sr. Bonifacio de la Cuadra (do cal por certo, xa lle teño lido artigos ben interesantes, instrutivos e de verdadeiro contido) deleitanos sobre as virtudes de que determinada selección de fútebol, á quen dan en chamar "la roja", practique certa forma de xogo, retendo e pasando o balón entre os seus xogadores, para poder meter máis goles. Estupendo¡
Unha reflexión sobre un tema tan transcendente é merecente de tan alta tribuna¡
Tan sobrado andaba o autor do artigo, (artigo?) que ten que citar ao grande Manuel Rivas para que lle dea algo de substancia e fartura. Impresionante¡
Este andacio, que tivo o seu punto culminante hai aproximadamente dous meses, ata é quen de penetrar nos artigos de opinión de "El País", sección que xa fai bastante tempo que mantén unha calidade mediocre, salvo excepcións magníficas, pero que nunca tiña chegado a este grao de "profundidade", fondura e orixinalidade. É isto o que nos espero no futuro? Necesito xa un artigo-antídoto do mestre D. Rafael Sánchez Ferlosio con urxencia. Incluso me vale un de Fernando Savater, ou mesmo Félix de Azúa, para que me liberen deste bochorno.
Remata o artigo o Sr. De la Cuadra dicindo: "Los campeones del mundo y los demás futbolistas sensatos saben que deben poseer el balón para finalmente marcar gol". E digo eu, os directores dos xornais de prestixio e o resto dos periodístas da prensa sensata saben que deben coidar os contidos para finalmente ofrecer un xornal de calidade. País¡

25/8/10

Necesitamos coñecer



Como cidadáns temos dereito a saber en que se empregan os recursos públicos que entre todos fornecemos, cada cal na medida das súas posibilidades e particular situación ou ben en función de certos mecanismos, mesmo legais, que algúns empregan para minorar a cuantía das súas achegas. Como membros dun Estado social e democrático de Dereito debemos ter acceso a todo tipo de información producida ou derivada nas administracións públicas, con moi poucas excepcións regulamentadas xa ,ou pendentes de facelo, por lei,
Debemos poder acceder, consultar e contrastar os documentos precisos para extraer os datos que sexan necesarios co obxectivo de obter información fiable acerca de quen, en qué e cómo se usan os cartos e recursos públicos. Elo con carácter xeral.
Agora ben, se particularizamos no ámbito das remuneracións, dietas, gratificacións, premios, e outras prebendas dos representantes dos cidadáns, dos cargos públicos, aínda a regulamentación deste dereito debe ser más nítida, máis clara, máis directa e máis necesaria.
Necesitamos saber, como cidadáns críticos, conscientes e responsables, se algún representate público fixo un uso ilexítimo ou irregular das partidas presupostarias en calidade de administrador dos bens e intereses públicos, se vulnerou a lei neste ou naquel precepto, por acción ou por omisión, total ou parcialmente. Temos que ter acceso á información para poder, crítica e cabalmente, construir a opinión que substente a opción de revalidar, ou non, a nosa confianza en tal ou cal cargo institucional. Non podemos, nin queremos, restrinxir a nosa participación política ao mero feito de votar acríticamente cada certo tempo, ou ben de libremente non facelo.
Queremos saber se aquel/a a quen votamos como o/a noso/a representante é un/ha firme defensor/a das súas lexítimas ideas e concepcións políticas e o fai sempre respectanto escrupulosamente a legalidade vixente.
Queremos ter libre acceso á información relativa ás retribucións dos políticos, á súa declaración de bens e patrimonio, que debería ser inescusable cando se accede a un cargo público; queremos levar un control cidadán, á marxe do que deben levar os organismos e institucións aos que por lei lles compete tal misión.
Estamos fartos de promesas, de anúncios, de propaganda e publicidade, de plans de mellora e transparencia, de e-administracións, de fiestras electrónicas únicas, de axendas dixitais innovadoras, de regulamentacións sempre prometidas, en fin, de "gaitas" varias. Queremos realidades porque todos sabemos que, aínda que algo se avanzou neste campo, non é suficiente.
Necesitamos máis transparencia, máis control democrático sobre as finanzas públicas, máis accesibilidade, porque estamos ante un tema que é moi sensible, ante un asunto que interesa moito aos cidadáns, mais non por un exceso de celo ou curiosidade, senón porque xa estamos demasiado defraudados, a miúdo escarmentados, posto que son xa moitos os escándalos, moitas as corrupcións, moitos os chanchullos e os apaños que se teñen producido como para que, a estas alturas, non teñamos a necesidade e a obriga moral de controlar a quen, ollo libremente, nos administra desde as institucións públicas. Neste sentido precisamos modificar hábitos e actitudes para aparcar a docilidade e a pasividade, debemos fomentar a cooperación no control sobre os cargos públicos, integrar vontades e aliñar intereses comúns para facer máis eficiente esta tarefa.
Non todos os políticos son iguais, eu aínda parto desta premisa. Con todo tamén acredito que todos os políticos, humanos como son, son susceptibles de cometer irregularidades, de bordear a lei, de facer un uso puntual de prácticas fraudulentes; non obstante tamén de desempeñar o seu cargo con honestidade e rigor, respectanto escrupulosamente a legalidade vixente. E resulta que nós queremos saber se este ou aquela, se o amarelo, o azul, a laranxa ou o vermello, se o máis próximo e familiar ou o máis afastado e inacesible, pertencen a esta parroquia ou ben a aquela outra. Vamos se son de fiar. Se son quen de merecer a nosa confianza. Nada extraordinario por outra banda, algo que debería ser perfectamente normal nunha democracia que mereza tal nome.

23/8/10

Auga, terra, espazo: as riquezas do futuro.



Sabido é, para algúns polo menos, que os recursos máis prezados no futuro inmediato para garantir unha vida saudable e san van ser a auga, o espazo físico e a terra (nun segundo plano estarán, por importantes que estes sexan, os metais, os combustibles, as técnicas e os procedementos). Un solo fértil que poida ser prudente e eficientemente regado polo líquido elemento en áreas suficientemete extensas como para asegurar a xeración de alimentos convencionais, sen agregados nen melloras xenéticas, produtos da terra que cadaquén pode ter na lembranza dos seus anos máis gorentosos, digamos os que prevalecían de forma tradicional durante boa parte da segunda metade do século XX.
Isto téñenno moi presente as grandes corporacións e compañías transnacionais, os grandes intereses económicos que actualmente dominan, e de que forma, o mundo. Desde hai un tempo están xa traballando para asegurarse unha boa cantidade destes, cada vez máis, escasos recursos.
Así entérome pola prensa que a compañía Coca-Cola adquiríu en Chiapas duas grandes reservas de auga potable. Que a elite dos Emiratos Árabes adquiriu en Sudán grandes extensións de terras fértiles para asegurar o cultivo de cereais. Empresas de Arabia Saudí fixeron outro tanto en Pakistan para garantir a produción de alimentos a grande escala. Coñecido é que os Chineses (mais non só eles, senón tamén Brasil,compañías americanas e europeas) están entrando no continente africano para asegurarse recursos de todo tipo (dos convencionais e destes outros de futuro).
Pois ben, cando estes poderes están a acaparar e a asegurar o que realmente interesa para poder levar unha vida digna de tal nome no futuro, os nosos gobernantes, a imensa maioría deles, están nas berzas, entretidos cos seus xogos de poder, enredando e desenredando cuestións triviais, intentando xestionar o presente dunha forma torpe e miope, na busca do voto pasivo, alegre e confiado, de xentes que actúan como se nada estivese a pasar, inconcientes e perseverantes na súa banalidade, na súa despreocupación, na súa inconsciencia. A estes feligreses pouco lles importa preservar o medio e os recursos, que os que teñen o poder delegado inicien os procesos de mentalización para ir valorando e potenciando o realmente importante e transcendente, para emprender severas e intensas campañas educativas, dirixidas a toda a poboación, de mentalización no fomento dos hábitos de aforro e eficiencia enerxética, de valorización dos recursos naturais, nomeadamente a auga e a terra. Moi polo contrario non dubidan en permitir que se corte, se arrase, se deseque ou se destrúa o que sexa mester se por un acaso o recurso tivo a fatalidade (e algún deles sempre se atopa nesta triste situación) de estar, por exemplo, no itinerario dunha vía de comunicación, por superflua e innecesaria que esta sexa. Pénsase e, consecuentemente, actúase a moi curto prazo, para tratar de arranxar problemiñas que han causar, andando o tempo e por falta de previsión, serios atrancos no medio ambiente natural e social. Repítense modelos e formas de facer mecánicamante sen máis fundamento que a mera tradición (o malfadado sempre se fixo así) sen cuestinar istas realidades e actuacións á luz dos novos coñecementos e das novas circunstancias, como se todo seguise igual, como se todo voltase, finalmente, ao rego. Pois non, ás veces non volta.
Quen teña algo de interese, algo de concienciación e un mínimo de intelixencia e sensibilidade, sabe ben que ou actuamos todos, en función das nosas posibilidades e responsabilidades, como estas grandes corporacións e multinacionais das que falaba antes, ou o futuro tórnase incerto, escuro e cunhas espectativas de calidade de vida claramente inferiores ás da xeración actual.
E que acaso ese inconsciente mortal, esa pizpireta cantante, pensan que o seu fillo vai poder seguir pedindo, dentro duns cantos decenios, un chuletón no mesón sen que ao camareiro, contrariado e sorprendido, se lle esperte unha sensación de desacougo que lle lembre aquel tempo en que se puido ter actuado, e non se fixo?
Em tudo caso não há problema: a semana que vem, começa a liga.

9/8/10

Punto de inflexión



Na vida dunha persoa hai momentos de especial transcendencia, de íntima sensibilidade. Momentos nos que se fai un alto e se mira para atrás para asumir que todo ten cambiado dunha forma irreversible. Con certeza xa nada volverá ser igual. Aparece o desasosego por non ter feito, no seu momento, o que parecía o máis indicado, o que quizáis algúns, dos que realmente nos importan, confiadamente esperaban de nós. Simultaneamente surxe un estado de previsión de acontecementos e sucesos que un aspira poder gobernar sen causar xiros bruscos, sen defraudar espectativas, procurando intervir, anque sexa en exceso (un tende sempre a pecar por defecto) e facilitando a harmonia e a confluencia. Nestes campos non debería seguirse o dito de que a mellor palabra é a que está por dicir. Ben é certo que hai que dicila con sentido, con fondura e, sobre todo, con verdade.
Moitos din que o mellor nesta vida é procurar a felicidade, outros inclínanse por intentar buscar e atopar a beleza e aínda outros por dar e obter amor. Loables pretensións, mais para poder intentar realizalas debemos dotarnos dos mecanismos que nos fornezan da necesaria tranquilidade e do mínimo conforto con un mesmo. En cómo cadaquén constrúa estes artefactos e en función do resultado que dean para o fin pretendido, reside parte da sabiduría que moi poucos mortais son quen de acadar.
Mentras tanto confortémonos e aspiremos con non deixar escapar vivos eses momentos que realmente son importantes e polos cales vale a pena vivir. Procuremos identificalos a tempo e actuar en consecuencia para evitar lembralos con tristura e coa sensación de poder ter feito ou dito algo máis. Realmente penso que saber apreciar e exprimir estas vivencias, aproveitando ata a derradeira gota, forma parte dese grupo de destrezas e habilidades que un debería ter atesourado co paso dos anos. Asumindo que non é doado, neso andamos.

19/7/10

Madeira de campión

Instante no que Andy Schleck ten un problema co cambio e Contador consigue superarlo.
Afp / Joel Saget
.
Non semella que o ciclista español Alberto Contador estea feito con madeira deste tipo. Constatámolo, máis unha vez, na estapa de hoxe do Tour. O que podería ter sido unha circunstancia de carreira máis converteuse, por mor das declaracións que fixo ao remate da tirada, nunha demostración de que para ser un grande campión cómpre tamén ser unha grande persoa no desenvolvemento da competición. O demáis non deixa de ser unha simples medianía, un elemento do común, do montón no tocante á súa personalidade en carreira con independencia de que sexa un grande ciclista.
Ben isto a conto porque non é crible o que afirmou. Que non sabía nada da avería que sufrira o seu principal rival. Que non se enterara. Ditas afirmacións non resisten o máis mínimo contrastre se un observa as fotos ou visiona o video. Pero é que ninguén lle explicou a este home que hoxe non é posible enganar neste temas? Que están, no Tour pero non só, baixo os atentos focos e obxectivos de mil e unha cámaras e máquinas? Que ocasión para recoñecer que se tiña aproveitado do "lance" pero que estes nas carreiras e nas competións son así: uns días favorecen a uns e outros días prexudícanos. Indurain, campión, volve ¡


Plano Rodoviário Nacional 2000

5/7/10

Circunloquio



Que sensación de estar fóra de xogo ¡
Recurro á filosofía para facer máis soportable a espera. Mais... a cal modelo me apunto? Ao modelo narcisista da salvación persoal? Quizáis ao da revelación clarividente e inspirada do máis oculto? Ou ben o que descifra a totalidade e o destino? Ao que prohibe as transgresións intelectualis e vixila os límites do saber? Ou, por fin, o que pon á filosofía ao servizo da relixión ou a ciencia? É claro: preciso do primeiro, necesito asegurar a salvación para, pasado este período nefasto, ter azos para seguir aspirando a unha paz e tranquilidade de espíritu maior.
Porque cando as tecnoloxías da información e a comunicación, cando a industria aeronáutica e aeroespacial, cando o sector da biotecnoloxía e das enerxía renovables prometen grandes oportunidades de negocio, nós, enlamados nesta miseria envisgada, apenas podemos ver morrer os días sen que o desánimo poida máis que a desesperación. Aínda sabendo que a materia non só consiste en partículas, senón tamén en ondas nada impide que sexan precisamente estas últimas as que dominen as propiedades da materia a temperaturas ultrabaixas. En canto ás partículas... agora é o tempo dos bosóns, polo do agrupamento, mais xa chegará a oportunidade aos fermións para que cada unha recupere a súa individualidade.
Da mesma forma que cando comprobamos a cotío o inaxeitado da idea de progreso (que é só duns poucos e a costa de esquilmar a natureza), no tocante da máis acaída de desenvolvemento sustentable, do inaxeitado da propiedade privada para soster a chamada "propiedade intelectual", de cando a catástrofe ecológica avanza inexorable sen que as empresan asuman a súa responsabilidade corporativa, de cando surxen como cogumelos novos opios de relixións postmodernas, de cando as implicacións socio-éticas dos novos avances tecno-científicos ameazan con complicalo todo, aínda máis do que está, nós, asqueados de tanto papanatismo e invecilidade apenas podemos erguer a cabeza e ollar libremente, de tan grande desacougo que sentimos ao repensar o que puido ter sido e o que finalmente foi.
Aínda máis, cando a masa informe ameaza con invadilo todo, cando a alienación é algo máis que unha verba caduca, cando o futuro non deixa nengunha escapatoria digna e aceptable, é o momento de profundar democraticamente nas diferenzas e manterse firmes no mundo interior para acumular coa reflexión forzas e razóns esperando a ocasión, que virá, de reconquistar o espazo social e comunitario vertebrado, daquela, por vieiros de racionalidade, participación, intelixencia e solidariedade. "As aldeias do xisto ficam à espera"

3/7/10

Amparémonos no bilingüísmo


Hai anos nunca pensei que tivese que recorrer a esta reivindicación. Daquela aínda era posible loitar por outra situación, por outra realidade. Hoxe, a piques de principiar a segunda década do século XXI (xa sei, para algúns xa se iniciou hai meses) a evidencia dos feitos imponse. Ou erguemos un dique de contención defensivo no noso terreo ou non imos poder impedir que as forzas e correntes do uniformismo e a imposición rematen por asulagalo todo.
Cómpre ser realistas. A situación é grave, preocupante. Estamos ao borde do abismo e segundo eminentes lingüístas e sociologos, de non mediar cambios drásticos, dentro de dúas xeracións non haberá galegofalantes iniciais.

"En dúas xeracións non vai haber galegofalantes iniciais, se non mudan as políticas actuais". H. Monteagudo.

"Estamos ao borde do abismo, se non o evitamos, o galego e lingua premorta, ten 50 anos de historia viva". Fermin Bouza no seminario do CCG.

Temos que contentarnos intelixentemente co posible pois semella evidente que outras pretensións, que nun tempo foron metas razoables, hoxe son para nós inalcanzables.
Debemos, pois, reclamar que efectivamente os galegos das novas xeracións sobretodo, poidan ser realmente quen de coñecer e usar os dous idiomas: o propio e o tamén oficial en todo o Estado.
Cando todos os estudos sociolingüísticos indican o declinar do noso idioma o pertinente, nesta altura, é esixir que se cumpra a lexislación primixenia e impedir que a secundaria se aplique en clara oposición a aquela.

1/6/10

Celebrado reencontro


Rematamos de dar a benvida, de novo, aos multicines Compostela.
Non puido ser máis afortunado o reencontro. O film Fish Tank está á altura de tan feliz acontecemento. Mira que vén sendo dificil reterme durante máis de dúas horas pendente dunha pantalla; pois ben, esta historia conseguiuno. A directora, Andrea Arnold logrou que me interesase pola narración e que sentise, por momentos, emoción e complicidade. Recoméndoa para os que gosten do cinema limpo, escueto, espido e franco, lonxe de efectismos e complementos.
Sempre é de celebrar a (re)apertura dunhas salas de cinema (aínda que algunhas sexan, de tan reducido tamaño, prácticamente tan cómodas como o salón da casa).
Agardemos que estes multicines non teñan que volver poñer o candado. Aínda que teño que confesar que na sesión en que fomos estabamos só os dous. Non é un bó dato. Quizáis o asunto mellore, pois de luns a xoves tamén dan a merenda. Mais, non deben esquecer, os programadores, que a mellor mantenza é o cinema, só cinema de calidade.

15/5/10

2/5/10

Desde Fisterra con...saudade e decepción.



Xa pasou o día un de maio. Festa internacional do traballo. Manifestación e actos reivindicativos. Os cantos da Internacional (fermosa letra, polo que parece desexos inalcanzables). Cada ano protagonizados por menos xente (datos son amores). A rotina apodérase dos xestos, dos discursos, das lexítimas aspiracións. É un signo dos tempos. Todo cambia e xa nada parece igual (obviamente porque non o é).
Virán novas formas de entender a loita, feito obxectivo que segue aí, pero xa nunca como antes. Hai demasiada decepción, demasiado burocratismo, excesiva torpeza. O mercado é o novo rei, o novo becerro de ouro, a lei suprema.
Ben, xa pasou. Cumprimos. Ata outro ano, aínda máis diferente, máis cambiante, máis desolador
... veremos.
Mais un estaba, tamén, noutros afáns.
Final de camiñada, onde antes comezaba a fin do mundo (agora non é necesario ir tan lonxe: un pode atopar tal cousa en calquera sitio).
A feitura dunha bota en bronce (ou a saber se de calquera outra aliaxe semellante), a que fica do orixinal par que o "listo" de sempre (quen senón¡) se encargou de "retirar" para uso e beneficio propio. E si...efectivamente... non podía faltar...
Tamén aló estaba: a ordinariez, o mal gosto, a creatividade que de tan sublime torna en invecilidade.
Pero non só iso. Tamén a contaminación, o cheiro abafante, a pena ferida, o fume negro cheirento, a tristura, o gregarismo, os comentarios (a cada cal máis peregrino; nunco mellor dito neste contexto).
Xa está ben¡ Era necesario continuar coa idiotez ideada por algún devoto creativo cheo de achicoria espiritual?
Non. Só había que apagar o lume e afearlle a conduta. Recomendarlle que mirase á fronte e que se deixase levar, que fixese un esforzo e que abrise a mente e os ollos, que os pulmóns se enchoupasen de ar, que dominase o seu espíritu e que piase na intimidade.
Pero non. Tivo que facelo.
E outros, da mesma parroquia ca el, tiveron de continualo. Xa estaba armada¡
Pero é que hai forma máis desagradable de arruinar o final dun fermoso camiño?
Está claro: non comulgo.

19/4/10

Beleza humana

Fermoso video de Philip Scott Johnson no que podemos practicar a identificación das actrices, a modo de concurso. Cantos nomes somos capaces de dicir segundo vai transcorrendo a panorámica?


8/4/10

Para que aprendan os de acó.

Alguén cre que se podería ter producido unha intervención deste calibre no congreso dos deputados, en Madrid, ou en calquera outro parlamento do Estado? E, porén, canta necesidade habería dela nestes tempos que estamos a viver¡ Impresionante¡ Emocionate¡ O silencio que atronaba mentras interviña é demoledor.

30/3/10

Encantado de terse coñecido


Pero que contentiño estaba onte polo serán o Sr. Feijóo, á postre actual Presidente da Xunta cando presentaba en rolda de prensa un papel asinado por tres persoeiros. O asunto ía dun acordo que concernía aos "xefes" das caixas de aforros con sede na Galiza, e tamén á Sr. Conselleira de Facenda, en relación ao inicio das negociacións para tratar de chegar a unha fusión (algúns din que unha absorción, mais nise caso o noso Presidente sairía en apoio da caixa minusvalorada e non permitiría tal afrenta) das entidades que presiden.
Non facía máis que referirse a dito acordo, á literalidade do mesmo, cada vez que respostaba ás preguntas dos periodistas. Ensinaba o folio, plegábao e desplegábao, mostrábao por diante e por trás; por veces ocultábao momentáneamente para voltar a ensinalo trunfalmente ante unha nova pregunta. Percibíase que estaba a experimentar algo moi parecido á felicidade. E non é para menos: saia como saia o tema da fusión, ou mesmo da fisión, das entidades financeiras, a súa posición política non fará máis que medrar, tan ben calculado ten o seu discurso. Moito máis triste é o papel que lle toca xogar á oposición, por diferentes motivos ben é certo.
Facíalle falta ao Sr. Presidente un motivo de alegría despois do grave traspés que tivo o outro día nun discurso na sobremesa dunha cea disque benéfica.

27/3/10

Remexendo baixo terra

  1. Pode alguén dicirlle a quen corresponda que pare xa de remexer? Que non abale máis, por favor. Que a parte central de Chile xa está suficientemente aderezada.
  2. Ata cando aturará o chamado clima social o actual cheiro a corrupción, a malversación, a prevaricacións varias, a filtracións próximas e a tráficos de influenzas nada inocentes? A tufarada, duns meses a esta parte, é moi forte e os "profetas" de oficio, pero tamén os de ocasión, tanto por escrito como verbalizadamente xa se atreven a citar ao monstruo dunha forma directa e explícita. A xente comeza a estar farta, sexa pola crise ou sexa pola impostura de ver a cotío como os espabilados se afanan sen pudor, amasando e cargando a plena luz do día. Fan unha explosión informativa controlada e esperan a que o seu efecto se esparexa ate facerse inócua. E, de momento, vailles funcionando¡
  3. Dentro de dous días terán que demostrar o seu poder, terán que mostrar todas as súas potencialidades. Parece ser que poderíamos asistir á reprodución dunhas condicións nunca antes experimentadas. Veremos se remexen ben.

13/3/10

Impresión

Xa sei, xa sei. É algo tarde para vivenciar o dos "escalopíns". Sábese en que consiste este prato, mais o certo (e ista é unha pista) é que remato de tomar uns extraordinarios nun restaurante ás aforas de Compostela. Fun quen de voltar a experimentalos, a actualizar o seu contexto, vista, presentación, aroma, sabor. Non por coñecido resulta menos gratificante. De todas formas, unha reflexión. Son uns simples (e por outra banda, boísimos) "bistecs" de tenreira rebozados en fariña e ovo, pero como hai trinta ou corenta anos e, dende logo, como os farían (por sorte ás veces aínda os fan) as nosas avoas e/ou nais (daquela o avó e/ou o pai, nalgúns contextos, comezaba a mudar o seu rol).
Que mundo este que o cotián e rotinario comeza a ser extraordinario¡¡.

7/3/10

Domingos distintos

Son os que se dedican a facer camiñatas de algunhas decenas de quilómetros, xantar na compañía de bons amigos uns alimentos sinxelos, humildes, naturais, pero moi sabrosos, beber un viño do común pero que baixa ben no momento e despois non fai dano ao corpo ou engulir uns bós grolos de auga cando a sede apreta. Antes houbo tempo de tomar unha caña ou, quizáis, un vermú, eso si sen sifón, acompañado cun pincho de tortilla de pataca que sabe como nos mellores tempos. Ademáis, a amabilidade da xente entá en consonancia coa beleza do paraxe.
Desta forma, con este ritmo, a fin de semana mantense sen variación, o venres segue a ser venres, o sábado conserva toda a súa grandeza e o domingo érguese ante nós rexo e vital. Lonxe de ter que vivilo nun ambiente anguriante, monótono, esperando a reincorporación á rotina, amodorrado na cadeira ou no sofá, ou enfeitizado fronte a unha pantalla de plasma, gózase en plena natureza bicando ao ar fresco, sentido o palpitar das gotas de chuvia ou deixandose arrolar polas raiolas que de cando en vez asoman polo horizonte.
E, por se fose pouco ás sete do serán, como moi tarde, estás en perfecta formación para facer aquelas preparacións, traballos ou previsións a que haxa lugar. Simplesmente perfecto.

3/3/10

Tirar consecuencias

Iso é o que debería facer o Sr. Pedro Puy. No seu artigo do "El País" de hai uns días falaba da necesidade de protexer aos idiomas españois que tamén son oficiais nas súas respectivas comunidades, e de cómo foi a peripecia que rematou no nome de castelán para identificar ao idioma oficial en todo o Estado cando se estaba a artellar o pacto constitucional que deu lugar á Constitución de 1978.
Este deputado do PP pasa por ser, aparentemente, un dos máis moderados, razoables, centrados e cultivados do seu grupo, afastado de posturas e correntes máis extremistas, radicais, reaccionarias e retrógadas que practican e profesan algúns dos seus colegas de militancia. Por iso é mágoa que non continúe co seu razoamento e para evitar que o idioma galego fique ben "jodido" non se sabe por canto tempo por mor de determinadas medidas que está a tomar o goberno galego, non erga a súa voz e, sumándoa á de outros destacados militantes do seu partido, denúncien que o noso signo de identidade máis preciado está sendo abandonado á súa sorte deixándoo horfo de calquera medida protectora. Dé a batalla que a causa merece a pena.

20/2/10

Con total claridade

Merece a pena ser paciente e visionar o video ata o final.
Quizáis algúns descubrirán algo insospeitado.

7/2/10

Efectos colaterais positivos

A serie de medidas que o actual goberno da Xunta vén tomando contra do idioma propio do país desde que iniciou a súa xeira ten producido, malgré lui, unha serie de actuacións que non agromarían de non terse producido tamaña agresión. Estoume a referir só a documentos escritos, a maiores de outra serie de elementos como a creación de diversas asociacións e manifestos (Queremos Galego, ProLingua, Galego. Patrimonio da Humanidade, Manifesto pola Hegemonia Social do Galego) e a multitude de actos, de diferente e variada tipoloxía, que se teñen convocado en defensa e reinvidicación da lingua.
Citemos, en primeiro lugar, anque só sexa para respectar a orde de creación, a atinada e rigorosa Análise académica das Bases para o decreto do plurilingüismo do ensino non universitario de Galicia, da Real Academia Galega, ou ben, para seguir, o Ditame do Consello da Cultura Galega ás “Bases para a elaboración dun decreto de plurilinguismo no ensino non universitario de Galicia” continuemos con o feito de que un colectivo de xuristas analizase as Bases para o Decreto do Plurilingüismo ou, por fin, e para dar remate a estes encomiables estudos, que se editase e presentase de forma tan inusual o libro "55 mentiras sobre a lingua galega"
Todo iste movemento e conxunto de documentos e estudos, de grande valor para o futuro pola calidade que atesouran, non se terían dado de non ser pola afrenta recibida. Polo tanto, fronte ao ataque directo, esmagador, certeiro, a sociedade galega consciente, soubo artellar unha resposta proporcional á magnitude da aldraxe. E, despois dos anos da bendita pax Fraguiana, e do adormecemento e abandono da era "bipartita", a lingua galega conta con ferramentas de defensa e combate actualizadas e á altura dos poderosos inimigos. O tiro comeza a ser desviado. As ideas foron postas a traballar.

1/2/10

Emocionante ¡

Calquera con sensibilidade e carente de prexuízos apreciará esta presentación.
Parabens aos autores.

30/1/10

Todo moi liberal



Unha destacada dirixente do Partido Popular (PP) foi sorprendida pronunciado certa expresión nunha conversa, disque, privada.
A "elegancia" lingüística que tal persona parece que desplega nas súas conversas privadas e, quizáis, só comparable ao seu declarado talante liberal. O epíteto en cuestión pronunciado parece ser que era inapropiado. En todo caso, ela mesma recoñece que seica é un chisco "mal hablada".
Porén, da súa boa educación da conta o feito de ter pedido desculpas, noticia que recolle a televisión que segue intensamente o seu itinerario e peripecia política dunha forma atinada e tamén totalmente "liberal".
Ben, non preocuparse. Tan só estamos ante un novo "tropezo" da máis liberal das Presidentas de Comunidade Autónoma que temos.Viva o liberalismo¡

 

25/1/10

Suma e segue.

Hai uns tres cuartos de hora no programa "Diario Cultural" da radio galega.
Parte da resposta a unha pregunta centrada no escrito que os escritores e escritoras galegos que recibiron o premio nacional de literatura fixeron público reclamando a dimisión do Sr. Conselleiro:
...um.. um.. ... como se di? (...detrimento..., alguén lle suxire en ton baixo) ...detrimento ¡eh¡ da cultura galega...
(Detrimento: s.m. Dano, prexuízo material ou moral).
Con absoluto respecto e consideración á persoa: canto tempo aguantará no cargo?
No mesmo "corte" do programa confesou que podía ser que tivese un descoñecemento parcial ou limitado da cultura galega por mor de vivir tanto tempo fóra da terra?
Dimitirá ou será cesado?
A saber...

21/1/10

Todo un éxito


A estas alturas do día parece, segundo os dados máis fiables e con certa presunción de imparcialidade, que a folga convocada no ensino non universitario contra as graves agresións que o Goberno da Xunta está a cometer contra a lingua propia, e unha das oficiais, de Galicia, tivo un seguimento moi numeroso (sobre o 70-80%).
O que xa non está en discusión é o éxito total da manifestación que se celebrou en Santiago de Compostela. Decenas de miles de persoas, encheron a fermosa e histórica Praza do Obradoiro , ben chea de coraxe, de firmeza, de dignidade e de fortaleza democrática. Lembráronlle aos dirixentes de certo partido político que substenta actualmente ao Goberno da Xunta que a Lingua Galega ("Lingoa proletaria do meu pobo, eu fáloa porque sí, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña" está viva e aspira a seguir estándoo. Esta xente, pero é que de veras non sabe que se están nos postos que están e grazas a certa organización do Estado na cal a existencia e fortaleza da lingua galega, xunta a outras, tivo moito que ver? É que non se decatan de que de non ter existido, xunto a outras linguas xa digo, e xunto a outros moitos factores, daquela a organización político-administrativa do Estado Español sería ben outra e, algúns deles, só poderían aspirar, con sorte, a ser xefes de sección ou negociado de algunha das delgacións provinciais do correspondente Ministerio?

19/1/10

Informe brillante, documentado, demoledor...



Análise da Real Academia Galega
das Bases para o decreto do plurilingüismo
no ensino non universitario de Galicia
16 de xaneiro de 2010

O pasado 30.12.2009 a Real Academia Galega recibiu do Goberno Galego o documento titulado Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia (no sucesivo Bases). Trala correspondente análise e deliberación esta Institución declara o seguinte:
Seguir lendo.

Un troco fundamental



Nunha entrevista no suplemento "Domingo" de El País, Jorge Semprún afirma: "...Lo que hace Europa es su diversidad y es lo que hay que mantener, porque nadie pretende -y el que lo pretenda es un imbécil- que tenga un idioma, una literatura ni una ideología común."
E digo eu, que acontecería se substituimos a verba Europa pola de España? Acaso non é ben acaída a posible permuta? Quizáis o ex-ministro non se atrevería a realizar tal cambio. Non obstante, non gañaria credibilidade esa aspiración a un futuro de convivencia, participación e democracia compartida que representa a idea que vai por trás do concepto de España?
"Acho que sim".

2/1/10

Avance, pero menos.



A primeira vez que oín que a tve ía eliminar a publicidade (para dar cumprimento a un dos aspecto da nova lei de financiación) fiquei contento. Por fin libraríame de dimes e diretes, de sopas e gansos, de esencias e vapores. Agardaba con certo interese o día de onte para ver que sensación se experimentaba. Chegou o día e... desilusión¡ Non remataron coa publicidade¡ O que acontece é que agora só emiten a deles¡ Seica lle chaman autopromoción. Que máis me da se ao fin o intervalo entre programas non queda nu¡ Ai, ai, ai, a isto chámaselle dar gato por lebre¡. Eles deféndense dicindo que o compromiso (respectando a letra da lei) era rematar coa publicidade comercial. Xa. A culpa, como case sempre "é da vontade". Pois nada, con saúde todo irá.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...