13/5/09

Evidenciemos os apoios



De sempre é coñecido que ás veces un falta a unha cita, festa, reunión, acontecemento ou evento, non por falta de gañas ou de interese, por desidia, abandono ou deixadez, senón por ter que atender asuntos máis urxentes e inaprazables, á vez que inexorables. Tarefas, asuntos ou compromisos que se presentan de súpeto ou que aparecen de forma inesperada ao fallar os mecanismos que supostamente se tiñan deseñado para xestionalos.
Ben isto a conto a que por diferentes circunstancias que agora non é o momento de relatar, relacionadas con lastimosos malentendidos e dinámicas varias que, sen pretendelo, xeraron certas obrigas con terceiras persoas, máis ou menos ineludibles, o certo é que, a día de hoxe, non vou poder estar físicamente na manifestación do vindeiro domingo. Mágoa.
Non obstante poderia poñerse de manifesto o meu apoio a prol do noso idioma sen ter que estar físicamente presente na manifestación. Hoxe é posible facelo dunha forma doada e simple, sen apenas custo económico, e sen darlle gañancias a quen non as merece (a clásica nota de prensa pagada como publicidade cos listados correspondentes).
Estoume a referir a facer uso das modernas tecnoloxías, en concreto das diferentes redes sociais que ateigan a rede. En moitas delas existen xa grupos creados só para deixar constancia do apoio á manifestación en defensa do noso idioma por mor de, por un ou por outro motivo, non poder asistir a ela.
Trataríase de ler no acto final da mesma a referencia de todos estes apoios lendo, un por un e a modo de monocorde acompañamento aos diferentes discursos que se pronuncien, o nome e procedencia dos remitentes.
O efecto propagandístico que se lograría non sería pequeno e non deixaría de ser recollido polos diferentes medios de comunicación social.
A lectura sería en segundo plano e con baixa intensidade sonora, para non entorpecer as diferentes mensaxes que estivesen a dar os oradores, mais a presenza teimuda do acto da lectura durante todo o tempo lograría, entendo eu, un efecto multiplicativo dos apoios á manifestación e poñelos de manifesto dunha forma sonora, e tamén visual.
Os asistentes virtuais quedarían desta forma contabilizados e manifestada a súa vontade inequívoca de apoio. O obxectivo podería ser que ao día seguinte os medios (algún medio ao menos) referenciase a contabilidade de asistentes distinguindo entre os reais e os virtuais. A idea sería que o titular e a entradiña tiveran máis ou menos parecido co seguinte texto:
"Masiva asistencia á manifestación de onte. Estímase que asitiron e percorreron as rúas de Compostela máis de 25.000 persoas e foron lidas, durante os máis de corenta minutos que durou o acto final cos discursos, alomenos 10.000 nomes de persoas que querían evidenciar expresamente o seu apoio á manifestación dunha forma virtual, como o certifican os diferentes grupos creados para tal fin nas principais redes sociais".

9/5/09

Non se decatarán que...

... se están a desempeñar un cargo político é porque existe iso que eles parecen menosprezar, cando non ignorar.
... de non existir o que nos da alento e forza como comunidade diferenciada, nin mellor nin peor pero si distinta, aqui non habería autonomía tal e como hoxe a coñecemos e, polo tanto, ista xente só podería aspirar a ser un mero burócrata de provincias con máis ou menos nivel.
... coa súa actitude están a negar a existencia da razón de ser da súa función no sistema político e administrativo.
... é tremendamente inxusto ollando o panorama actual de uns e outros que, mentras uns loitaban pola dignidade e liberdade colectivas eles só se preocupaban do seu interese persoal, de estudar e non meterse en líos, de arranxar o seu, horfos de preocupacións de tipo social ou político.
"Galicia, cuatro: La Coruña, Lugo, Orense y Puentevedra (o era Pontevedra?: que lío con esto del gallego)"

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...