28/2/09

Sosego, calma, moderación.


De momento, a día de hoxe, podemos estar asi.
Mañá domingo, día 1 de marzo de 2009, quizáis aumente a preocupación.
Quedará suficiente xente nesta terra que aínda comulgue con rodas de muíño?
Os puros, limpos e sen mácula quedarán na casa limpando a prata?
Daráse por satisfeito o "monstruo" (setestrelo dicíalle hai anos aos cativos para entretelos con historias varias) cos resultados acadados?
Dependerá de se finalmente consigue os favores do seu público e a lixeireza e compracencia dos "divinos".
Falta pouco para sabelo. Mentras tanto limpemos, na medida das nosas posibilidades, a porcallada que estes últimos días se foi espallando, abramos as fiestras para que saia tanto fedor ("salamántiga lisa e envisgada") como se foi acumulando e teñamos, porque de momento podemos, calma, moderación e sosego.

13/2/09

Un pouco tarde

Remato de ler o artigo que o presidente e editor de "La Voz de Galicia" publicou hai uns días no xornal de papel e que aínda está incluído na edición dixital. Despois de reflexionar mínimamente sobre el e coñecendo a traxectoria deste xornal só me suscita un comentario: tarde piache¡

9/2/09

Máis ensinanzas do Nuno

Continuemos debullando a entrevista que lle fixeron ao Nuno Crato.
Nun momento afirma que China e Xapón non padecen crise algunha no terreo da educación, e achácao ao feito de practicar un ensino tradicional, por veces excesivamente tradicional, pero que funciona. Aló o mestre ensina ao discípulo, e valórase o silencio, o esforzo, o sacrificio, a perseverancia e o tempo, ademais dunha certa dureza que ao mundo accidental moito lle aflixe. Acó, por aplicar pedagoxías radicais (que segundo el son utópicas e irreais) dámoslle pouco valor ao coñecemento, o cal só interesa se é quen de transferir competencias, (isas que agora parece ser que hai que avaliar, non se sabe moi ben cómo), esquecendo a propia esencia do mesmo, como se só fose útil en tanto en canto puidese ser aplicado, en caso contrario carecería, segundo estas teorías radicais aplicadas por pedagogos modernos, de valor. Conta que nos EE.UU. cando estes pedagogos intentan lavar o cerebro aos estudantes de todo o mundo que acoden ás súas universidades, con cantinelas como que no proceso de ensino e aprendizaxe todos aprenden (tanto os mestres como os alumnos), os alunnos procedentes de China, Xapón e, en xeral, dos países asiáticos, quedan completamente abraiados e preguntan, inocentes, a ises pedagogos, se ali non son as persoas que saben as que ensinan ás outras...
Despois de criticar severamente o ensino da matemática na súa terra, que xulga excesivamente contextualizado e enfocado á aplicación, esquecéndose da formalización e conceptualización propia das deducións, demostracións e teoremas ( aplicando o método hipotético-dedutivo propia da matemática) pasa a referirse á visión da ciencia que tiña Einstein, e, aquí, reitera o xa coñecido de que en realidade Einstein non era relixioso, posto que para el Deus era só unha metáfora da racionalidade do universo. Einstein dubidaba da división entre platonismo (as matemáticas e a lóxica pertencerían a este universos de ideas)e empirismo (a física, por exemplo). Non acreditaba en que houbese un universo no que a velocidade da luz fose diferente da que é, porque hai cousas intrínsecas que só funcionan dunha maneira. Remato a Nuno lembrando unha obviedade: o home, non é centro de nada e se estamos aqui é só por unha casualidade, por unha evolución que nos criou por outra, certamente, casualidade.
Nuno Crato, un matemático portugués con moito tino, con moito que dicir, e decíndoo moi clariño e ben alto. Se alguén quere lelo en estato puro, que prema.

6/2/09

O galego e os grelos



Celebrábase o Día Mundial contra o Cranco. Na "parilla" do programa de radio, tipo "magazine", non podía faltar a clásica entrevista con algún médico, por suposto doutor en medicina, na que nos adiantase os últimos avances e achádegos contra a enfermidade. Tras da correspondente presentación e saúdo por parte da condutora do programa, intervén, en galego, o entrevistado saudando tamén para, a seguir, continuar toda a charla en español.
Nun determinado momento, e tratando de respostar a unha pregunta, fai mención ás cualidades dos grelos como alimento idóneo, entre outros, para previr certos tipos de cranco. E faino laiándose de que tan saudable e típica folla de nabo estea a punto de desaparecer porque, segundo di, nestes tempos utilízanse cada vez menos. O home transmite unha sinceira preocupación por este feito e lamenta que o consumo dos grelos estea en, segundo el, franca e alarmante decadencia.
O que o eminente doutor quizáis non era consciente era que o que realmente corre perigo de desaparecer é o idioma que, a bon seguro mamou de pequeno, pero que por unha extraña razón, bueno non tan extraña ao fin, non estaba a empregar.
Mais, ...que non se preocupe, xa que os grelos non teñen máis perigo de desaparición do que poida ter calquera outro alimento típico da nosa terra, como o polbo, o raxo ou a empanada. Hai un feito que o pode demostrar: non poucos dos asistentes á manifestación que o colectivo Galicia Bilingüe ten convocada para o próximo domingo, van a rematar degustando un lacón con grelos ou un cocido nalgún dos moitos restaurantes, mesóns, ou casas de comidas que hai na capital da Galiza. O noso idioma si está seriamente ameazado, os grelos, de momento, gozan de boa saúde.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...