20/12/09

A cinco engulíu á catro.



Parece ser que estamos en época de fusións, de concentracións, de unións interesadas. É natural, hai que sobrevivir.
Adeus á suposta elite, ao suposto bon gusto, á profesionalidade e ao rigor. Quen o ía dicir¡ Tan alta torre caída no medio da lama. Poderían hoxe publicar certas fotos?
O lixo esténdese, difúndese, espállase... Sempre nos querará a dúas e a opción de premer o botón.

16/12/09

Decisión


Alguén ten que tomala. Obviamente terá que pola en práctica quen teña a capacidade e a obriga legal de facelo; quen cobra por elo. Agora ben o importante non é quen toma a decisión (que insisto sabemos moi ben a quen lle corresponde), o realmente significativo é en base a qué criterios, en función de que parámetros: técnicos, de oportunidade, políticos, ... A saber¡
A sociedade actual volveuse excesivamente protectora, garantista. Está ben. Non se permite que nengún dos seus compoñentes padeza o mínimo daño ou lesión se antes se poden tomar medidas preventivas de precaución. Mais, tales medidas, ata onde deben chegar? Onde debemos poñer os límites dunha forma razoable?
Ben isto a conto da decisión que onte tiveron que tomar os responsables da Consellería de Educación sobre a oportunidade de suspender a actividade lectiva no día de hoxe. Imaxino que barallaron informes técnicos e criterios de oportunidade política para facelo. Considero, tamén, que eran conscientes que tomaran a decisión que tomaran ían ser criticados por elo. É un signo dos tempos. Eles mesmos, de estar noutra situación competencial, serían os primeiros en criticar, ora si ora tamén, calquera camiño tomado.
Este tipo de situacións préstanse sempre á controversia. E falando das deste tipo, inevitablemente veñen á memoria aquelas mensuradas declaracións de certa ministra, que dixo:" La borrasca cambio de una forma impredecible, no lo pueden predecir, pero si no predicen los que tienen que predecir cómo piensan ustedes que lo vamos a predecir aquellos que estamos esperando la predicción".

Que difícil é gobernar¡ E cantos sen sabores dá. Se non fose pola vocación de entrega aos demáis¡ Polo espíritu de sacrifício e o cumprimento do deber¡ Que sería de nós¡
De todas formas, ben está o que ben remata.

21/11/09

João Aguardela


Hai quen o compara con Zeca Afonso ou con António Variações. Polo que coñezo (que aíndo non é moito) considero que non é esaxerado. A creatividade e a imaxinación da súa obra acada cotas notables. A ligazón, a mestura que realizou da música tradicional portuguesa coa música moderna (pop, rock,..) ten un aquel de premonición, de que estamos a experimentar algo novo, inusual, creativo. O seu proxecto Megafone é moi meritorio. Nel combina a máis pura música tradicional, composicións perseguidas con teimosía nos seus lugares de orixe, coas modernas posibilidades da técnica musical electrónica. Mágoa que a súa morte prematura deixe inconcluso tan magno proxecto, así como tamén os estimables Linha da Frente e A Naifa. Seica mantiña que a música era para dar e portaba un lema inusual neste tempos de "esgaes" e demáis chuchadores: "Se não gostarem do álbum, passem o disco, não fiquem com ele".
Aí vai unha "molécula" da súa "imensa" obra.

5/11/09

Que a paren xa¡


Ameazan os dirixentes da Liga de Fútbol Profesional (LFP) con parar a liga. Parece que non lles gusta a posibilidade de que se lexisle para que determinado tipo de traballadores coticen á Facenda igual que os demáis, sen nengún tipo de privilexio (privilexio que por certo xa vén da época da presidencia do Sr. Aznar e que o Sr. Zapatero ata o momento non considerou conveniente modificar e só o fai agora, no contexto de certos pactos con partidos da esquerda nacionalista, para lograr sacar adiante os orzamentos con máis apoios dos estrictamente necesarios do punto de vista do mínimo aritmético). Din que daquela a "liga das estrelas" perigaría. Que pesadelo, vivir sen os galácticos¡ De que ían falar os "comunicadores"?
Pois ben. Deixando a parte o feito de que tal paralización sería un peche patronal, pensemos no beneficioso que podería resultar para a boa marcha do país. Imaxinan? Unha competición de fútbol, no futuro, sen futbolistas estrela? Atletas practicando un deporte. Só iso?. Ben, perfecto. Estaríamos no camiño de ponderar, valorar e situar as prioridades nun lugar distinto ao actual. Recuperaríamos certo sosego e sentidiño, certa consideración co raciocínio. Relativizaríamos a suposta importancia de certos persoeiros e, o que é máis importante, evitarímos ter que enterarnos, moi ao noso pesar sempre temos que facelo, de que tal ou cal "fenómeno" ten unha escornadura de nocello e está a piches de repetir a resonancia para achegarlle os resultados ao informe que se está a preparar para remitir a un segundo equipo médico, ista vez a clínica do afamado galeno mister Ding. Ou, tamén que o líbero do Atlético Superación ten problemas no ligamento anterior esquerdo e é dúbida para o domingo.
Así que, señores presidentes dos clubes, adiante xa coa paralización. Somos moitos os que aplaudiríamos tal circunstancia. Non se corten. Indígnense moito e paren. Paren e paralicen a competición, e... se pechan a porta, mellor.

28/10/09

Cando menos, chocante.



Un xornal moi coñecido da nosa terra, que se distingue por non ter liña editorial anque sí moitos opinadores, algúns incluso con algo que dicir e que suplen, na medida do posible, tal carencia, seica publicou o pasado sábado, 24 de outubro de 2009, no seu suplemento de cultura, unha lista dos libros máis vendidos de fición. En tal lista figuraba como número un en vendas un libro que... paradoxas do destino aínda que está publicado, aínda non está posto á venda nas librarías. Como? Non entendo. Pois si.
Certo que tal xornal xa tiña comentado dabondo o lanzamento de tal libro. Pero anticipar deste xeito o éxito non parece o máis aconsellabel nun xornal serio, rigoroso e profesional.
Ou é que acaso dispoñen dun chamán na redacción que lles anticipa tal feito? Outros dirán que non cómpre acodir a nengún chamán para decatarse de que efectivamente o mencionado libro será todo un acontecemento editorial (asi, en estilo ampuloso). Cousas veredes¡

12/10/09

Vacinación: obrigatoria?

É un pouco extenso, pero moi ilustrativo. Datos clarificadores.
Que cadaquén tira as súas consecuencias (só un dato: parece ser que finalmente a vacina será só de unha dose).

CAMPANAS POR LA GRIPE A from ALISH on Vimeo.

10/10/09

A pedra filosofal para ser máis feliz


Magnífico poema de António Gedeâo interpretado por Manuel Freire.




Inspirada interpretación de Adriana Calcanhoto.
Ai¡ A música, que sería de nós sen ela.

4/10/09

Alternativas para mexar e... aforrar.

Unha moi boa idea que debemos espallar.

Un que di algo


Non responde ao típico profesional do deporte (deporte?) dos que "si bueno, la verdad es que...". Cando fai declaracións adoita dicir algo con sentido, de certo interese, moitas veces a pesar das preguntas (preguntas?) dos xornalistas que por tópicas, por obvias, por evidentes, por ser de resposta directa ou simplesmente de perogrullo (eminente futbolista que remata de perder unha importante final debido a un fallo persoal tremendo: "¿Como te sientes?") non deixan moita escapatoria.
Ademáis cando gaña carreiras mostra ben as claras unha bandeira... pero non a clásica, senón unha persoal, do seu clube de fans.
Si señor, un rapaz (22 anos) con miolos, con aplomo, que parece saber quen é, onde está e o que ten que facer. Ai¡ Se houbera (ou houbese) máis coma el¡

18/9/09

Pois, mira, a min paréceme ben



Si, paréceme ben que Anxo Quintana interveña nesta nova (renovada?) tertulia da Cope. Por varias razóns:
1ª É unha ocasión, e hai que lembrar que non hai moitas, para que o discurso dun nacionalista galego entre no barrio de Salamanca. Para que certos sectores madrileños, e do Estado en xeral, coñezan sen moitas distorsións a opinión dun demócrata galego que rache tópicos e estereotipos. Loxicamente, acredito que Anxo será quén de manter unha liña discursiva que mostre outra idea da nosa terra e descubra unha imaxe que vai sorprender e, quizáis, ata crear certa contradición nalgunhas mentes ausentes e ignorantes.
2ª A intervención de Anxo Quintana supón a presenza do discurso do nacionalismo galego en territorio, digamos que, alleo (comanche?). A pedagoxía política que pode facer é moi importante no actual momento político.
3ª Por unha vez intervén nunha actividade deste tipo (tetulia dunha cadea radiofónica que ten audiencia a nivel estatal) alguén desde Santiago, se exceptuamos o caso de Manuel Rivas, Bietio Rubido e algún outro esporádico de moita menor importancia. Trátase de situar Santiago, e polo tanto Galiza, no mapa mediático do Estado. Todo axuda, e non estamos tan sobrados neste campo.
4ª A cadea radiofónica onde intervén está nun proceso de, digamos, refundación e renovación parcial da súa imaxe, despois de ter despedido a certos persoeiros que a significaban fortemente cara un determinado espectro ideolóxico. Neste contexto prodúcese a participación de Anxo Quintana.
5ª Son dos que penso que, erros ao marxe que tamén os tivo, Anxo Quintana non debería verse na actual situación de ostracismo. Producida a súa inevitable dimisión como voceiro nacional do BNG, resultados electorais mandan, terá que transcorrer un tempo ata que sexa posible, e ao meu ver desexable, a súa volta á primeira liña política. Actividades como a pertenza á mesa do Parlamento, a presidencia da Instituto Galego de Estudos Europeos (IGEA) e a participación neste programa radiofónico poden contribuír a que a necesaria travesía do deserto sexa o máis fructífera posible.
Con todo hai algo que me desacouga... ter que escoitar a Cope, anque sexa só durante ista intervención semanal (ou quincenal?). Menos mal que co invento do podcasting o trago é algo máis levadeiro.

17/9/09

Agora toca responsabilidade, e antes?


Agora o Sr. Núñez Feijóo pide á oposición, en relación ao proceso de elaboración, presentación, estudo e aprobación dos presupostos da Xunta para o ano que vén, "altura de miras" e un comportamento político "excepcional". Di que fará o imposible para acadar un consenso político e un acordo en relación a iste tema. Pois moi ben. O que pasa é que aínda somos moitos os que lembramos o comportamento do Sr. Feijóo durante a pasada campaña electoral. A campaña do seu partido e a querencia pola verdade e a información veraz de certa prensa "amiga".
Ben está que o Sr. Presidente da Xunta intente facer ben o seu traballo, pero non debería esquecer que acadou tal condición despois dunha campaña electoral na que non sempre se usaron argumentos, ideas e proxectos de futuro. En todo caso todo apunta a que a oposición vaille prestar o mesmo apoio entusiasta e coa mesma "altura de miras" que o que lle brinda o seu partido ao goberno do Sr. Rodríguez Zapatero en Madrid.

7/9/09

Témolo aquí, ao noso carón.


Non todo está perdido. Non en todos lados a vaga de pesimismo e resignación é o telón de fondo.
Hai blocos que refulxen e blocos que avanzan.
Saibamos agardar.

1/9/09

Alegoría





Nas imaxes, pode verse un anaco pequeno dun dos moitos portos deportivos que inzan a xeografía da costa galega nos últimos tempos. Non é nada complicado identificalo dada a especificidade da vila (mellor dito cidade, sobre todo no verán) na que está situado.
O que ata hai uns anos era un espazo de traballo, tradición, esforzo e mestría está hoxe transformado en pura representación, obstentación, snobismo e figuración. En recreo de ociosos e lugar de establecemento e/ou peche de negocios, algúns ao límite do posible e desexable.
Con todo o que me interesa é usar a imaxe para tratar de visualizar a idea dos que opinan que o idioma galego supón unha ameaza para a supervivencia do español (xa se sabe, a trécola da imposición, do Decreto que pouco menos que eliminaba o idioma de Cervantes dos centros de ensino, da falta de respecto aos dereitos individuais, ...) Ista xente quere facernos crer que as embarcacións tradicionais e artesanais, as que se foron elaborando, perfeccionando e mellorando no transcurso dos tempos para poder gañar a vida, supoñen unha seria ameaza para os indefensos iates, que pouco menos que se teñen que arrinconar cada vez en menos espazo físico, en pantaláns que minguan por momentos.
Está claro, a chalana do señor Paco "o Vieiro", chea de nasas e apeiros varios, está a piques de expulsar (e asustar) ao iate do sobriño do primeiro accionista duns grandes almacéns.
É que nestas condicións é imposible pechar calquera negocio¡ Cómpre pedir axuda ao Sr. Feijóo para que tome medidas no asunto¡¡

16/8/09

Poesía



En esta niebla espesa que uniforma y disfraza
y agrisa los colores de personas y cosas,
en esta niebla fría, pegajosa, bancaria,
se está adobando Europa.

Sobre montes y leyes, sobre normas y ríos
extienden su sonrisa las multinacionales
y dan su decidido apoyo a los políticos
si resultan rentables.

Con el siempre eficaz truco del todo o nada
se le pide que asienta al pueblo soberano
que, en limpio referendo, se hace cargo del trágala
sin sentirse estafado.

Mientras echa sus redes la pesca de bajura,
una niebla adherente va camuflando Europa.
¿Qué encubre? ¿qué protege? ¿qué presagia? ¿qué incuba?
Responderá la historia.

Jesús Munárriz, Rojo fuego nocturno
Hiperión, 2009.

Axudas...

... que algúns non merecen.
A resolución do 25 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se lles dá publicidade aos beneficiarios das axudas concedidas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión (DOG do 14 de agosto do 2009)non di a que se destinan istas axudas. Temos que acodir á Resolución do 21 de novembro de 2008 para poder ler o seguinte:
Resolución do 21 de novembro de 2008, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se establecen, para o ano 2009, axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.
En cumprimento do disposto no Decreto 96/2004, do 13 de maio, polo que se modifica o Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e, en uso das facultades que teño conferidas,

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta resolución as empresas que publiquen, ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.


2. As empresas xornalísticas e de radiodifusión que se acollan ás axudas reguladas nesta resolución comprometeranse a: respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes cidadáns e cargos de responsabilidade pública. A oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

e máis abaixo, dentro da documentación a presentar, dise:

4. Memoria asinada en que se fagan constar os números publicados desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2008, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período e porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e a difusión da identidade e cultura de Galicia.

Pode verse o resto do resolución aqui.

As axudas en cuestión son as seguintes:

Nº expediente Empresa Importe
PR852A 2009/1 Axencia Galega de Noticias, S.A. 534 €
PR852A 2009/2 La Voz de Galicia, S.A. 996.195 €
PR852A 2009/3 Canal Voz, S.L. 19.410 €
PR852A 2009/4 Editorial Compostela, S.A. 179.886 €
PR852A 2009/5 La Opinión de La Coruña, S.L. 53.479 €
PR852A 2009/6 Diario El País, S.L. 158.336 €
PR852A 2009/7 La Región, S.A. 109.357 €
PR852A 2009/8 Lérez Ediciones, S.L. 84.835 €
PR852A 2009/9 Rías Baixas de Comunicación 43.132 €
PR852A 2009/10 Europa Press Delegaciones 11.333 €
PR852A 2009/11 Faro de Vigo, S.A.U. 397.357 €
PR852A 2009/12 Sar Comunicacións XXI, S.L. 2.777 €
PR852A 2009/15 Editorial La Capital, S.L. 114.945 €
PR852A 2009/16 Interdix Galicia, S.L. 4.682 €
PR852A 2009/17 El Progreso de Lugo, S.L. 180.478 €
PR852A 2009/18 Xornal de Galicia, S.A. 1.739 €
PR852A 2009/19 Sociedad Esp.de Radiodifusión 12.011 €
PR852A 2009/20 Radio Vigo, S.A.U. 13.558 €
PR852A 2009/21 Radio Lugo, S.A. 13.586 €
PR852A 2009/22 Radio Coruña, S.L. 32.219 €
PR852A 2009/23 Radio Pontevedra, S.A. 15.567 €
PR852A 2009/24 Radio Orense, S.A. 5.122 €
PR852A 2009/25 Radio Popular, S.A. 43.990 €
PR852A 2009/26 Telecable Compostela, S.A. 4.455 €
PR852A 2009/27 Voz de Galicia Radio, S.L.U 8.249 €
PR852A 2009/28 SIGalicia, 5.361 €
PR852A 2009/29 SIGalicia, 6.060 €
PR852A 2009/30 Uniprex, S.A. 20.683 €

Destacan, polo súa cuantía, as concedidas ás empresas que editan os dous xornais de maior difusión nas cidades de A Coruña e Vigo.

Teño a impresión de que este tipo de axudas non cumpren a función para as que foron creadas e só serven para engrosar as contas de resultados de empresas xornalísticas que, na súa maioría, pouco lles preocupa o futuro do idioma galego, a non ser para utilizo como coartada para recibir, a cambio de ben pouco, cartos públicos.

15/8/09

Semellanzas

A modo de xogo intrascendente (e mentras esperamos que a directora xeral cumpra co seu deber de demócrata) propoño unha pequena investigación. Trátase de descubrir, ao menos, dúas semellanzas entre este vídeo:



e iste outro:



Pasade un bó día.

9/8/09

O sorriso que delata


Observando con atención iste pequeno vídeo algo non cadra. Algo falla. Algo desentona. Algo soa a falso, a impostura.
Efectivamente, cando poden máis o afán de notoriedade, o protagonismo e a exhibición, poden darse situacións como a que se revela no visionado.
O que podería ter sido unha despedida sinceira, comedida e sentida, transformase, ao meu ver, nunha tiranía do espectáculo, nun afán de notoriedade e nunha clara pantomima.
Seguro que os pais deste persoeiro foron unhas excelentes persoas, seguro. E de seguro tamén que o protagonista (nunca mellor dito) sinte que tivo uns compañeiros... tan, tan colegas coma el. Pero os sentimentos que transmite no día da despedida dun equipo no que estivera dez anos non parece que puideran substraerse do protagonismo e do tópico. Do lugar común de soltar algunhas bágoas secas, algúns saloucos, certos xemidos, suspiros e/ou balbuceos.
Pero non, amigo Michel. O sorriso final delátate. Todo simulacro. Todo convenientemente preparado para provocar os aplausos (tamén estes rotinarios e mecánicos; porque parece ser que é o correcto nestes casos, no canto de respectar cun sonoro silencio a sinceira amargura e tristura pola despedida e a lembranza dos seres queridos).
Ese sorriso manifesta o éxito do pretendido, a satisfacción de ter acadado o desexado. Ter uns segundos asegurados nos noticieiros.
Falso, todo falso. A mueca, a pose, ise sorriso, ese leve, breve e apenas debuxado xesto...
Mais, que podemos esperar? Pura representación.

8/8/09

Estamos preparados?


Para a pandemia que nos virá enriba?
E non precisamente a da gripe, nas súas diferentes variantes, senón a da pelota.
Si, a do esférico que ás veces tanto custa meter dentro dos tres paos.
Xa hoxe, de madrugada, a noticia máis destacable dos informativos horarios da radio era un resultado do equipo que, con cartos alleos, investíu máis de 250 millóns de euros para facer negócios varios e ver se é quen de, ao mesmo tempo, conquerir algúns trofeos deportivos para maior alegría dos seus siareiros, que seica son moitos e están repartidos por todo o globo.
Parece ser que gañou 5 a 0 a un equipo de Toronto en Canadá. Pois moi ben.
Eu, por se acaso, ando xa na procura dun "tamiflú" que me permita soportar a morea de improperios, estupideces e superficialidades que se emitirán con altofalantes polo amplo espectro radioeléctrico e que se escribirán pola galaxia gutenberg adiante. Alguén sabe?

3/8/09

"The Boss" en Compostela (e van dúas)


Bruce Springsteen tocou de novo en Compostela. Desta volta acompañado pola The E Street Band. Gustei do concerto, pero non tanto como o fixen no do ano 1993. Daquela tiña un plus de confirmación dun descubrimento que agora xa non acho. A saída el "sozinho" ao esceario para cantar "Thunder road" coa única axuda da súa guitarra acústica tivo un punto de emoción que xa non foi posible repetir desta vez.
Mais con todo: "tudo bem", do punto de vista musical, porque o aspecto relativo á organización do evento foi un auténtico desastre, un escándalo descomunal. Como xa os medios fixeron, e están a facer, un exhaustivo relatorio dos feitos, afórrome máis comentarios. Unicamente dicir que a entrada e a saída no e do auditorio foi caótica, lentísima e vergonzante. Quen teña competencias (Consorcio, Xacobeo, Consellería de Cultura,...) debe facer un remodelación profunda do auditorio para aumentar a súa capacidade, comodidade (cómpren uns servizos e asistencias máis amplos e mellores), dotalo das instalacións que son precisas neste tipo de recintos e, sobretodo, facerlle máis vías de acceso e saída. Claro que todos estas cuestións tráenlle sen coidado aos numerosísimos (que empalago e cansancio ver sempre aos mesmos nas pantallas, xentes que tiñan marcada na súa face que estaban... porque había que estar, porque compartir o espíritu e a filosofía do Bruce non parecían que o tivesen feito) VIPS (persoas importantes de qué? a conto de que?) que, en lugar privilixiado, se congregaron por multitudes (e despois outros, que pagaron a súa entrada, sen poder ver o espectáculo cunhas mínimas condicións de visibilidade: a xustiza resolverá no seu día)
Gustoume a entrega e xenerosidade do "boss", as tres horas de música, a honradez, decencia e bon facer que transmitía (el e a súa banda). Tamén gustei do ambiente nas bancadas da xente do común. A maioría víase que sabían onde estaban. E como xa ben sendo habitual, duns anos para acó, estabamos (por separado, iso si) pais e fillos ( e quen sabe se xa algún neto; eu de certo non vin nengún), pais que soubemos transmitirlle esta querencia, alomenos ista, xa que outras, parece que non fomos quen.
Quédome coa imaxe final: cando xa remataran todos os xenerosos "bises", cando xa os músicos tiñan saudado por última vez e xa fixeran "mutis polo foro", co esceario a escuras, o foco iluminaba feblemente a figura do "boss" con súa guitarra ergueita na man esqueda e saudando coa outra a todos nós. Abofé que nos dimos por aludidos e puiden sentir parte da emoción do concerto de 1993.
Ata o seguinte Bruce (e que non haxa que esperar outros 16 anos).

2/7/09

Catalonia is not Spain



Coa aprobación da nova lei de educación da un paso máis no camiño de selo.
Que se "birla" a terceira hora.
Que se recibirá un 6% do PIB
Que se adianta a escolarización obrigatoria.
Que se examina tamén aos docentes.
E moitas máis medidas, efectos e consecuencias.
Mentras tanto, nós, aquí no outro extremo da península, subastando coches oficiais na espera do novo Decreto.
Onde hai que apuntarse?

16/6/09

Lingüística e ideoloxía

Non por sabido está de máis que o teñamos presente. Desde hai xa uns anos comezou a batalla final para ferir definitivamente aos idiomas da península ibérica que non son nin comúns nin globais. Repasemos e actualicemos:

13/6/09

Neno, non se toca.



Houbo persoas que non fixeron caso e tocaron. Tocaron á porta e tocaron ao gato. A porta veuse abaixo e o gato rabuñou. Que esperaban? Acaso non estaban avisadas. Xa sei, a porta era vella, estaba en moi mal estado pero aguantaba, cumpría a súa función, minimamente, a trancas e barrancas pero estaba. E o gato? O gato meditaba tranquilo, nun dorme e non dorme case continuo. Din que desde que tocaron rabuña con forza e dedícase á caza sen desmaio. Non deberon tocar. Se o asunto vai, non o escaralles.

5/6/09

Aceptaría vostede a invitación para tomar o sol en Villa Certosa?

Lembre que tería transporte pago, protección continua e diversión asegurada.
Pode ter unha idea das posibilidades que se lle ofertan na seguinte (inocente) foto.
"Madre mía, como está la vida¡"

3/6/09

Afinar, apuntar, discriminar, seleccionar,...

Nas actuais circunstancias, no momento presente do debate, cómpre ter tino e argumentar con precisión e concreción. Non debéramos dar pé a que os adversarios teñan unha doada réplica cando pretendemos identificar ou equiparar lingua vehicular con currículo dunha materia concreta, ou ben cando falamos de apartheid lingüístico cando é seguro que eles van a entender por apartheid outra cousa e van sacar o dato da liberdade para elixir o idioma no que se desenvolve o ensino que existe nalgúns países con casuística e historia moi distinta ao noso. Isto foi o que aconteceu recentemente nalgunhas intervención na prensa, no apartado de cartas ao director, nas que se rebatía con facilidade os aspectos antes comentados. Considero que debemos evitalo.
Ao meu ver hai que centrarse no que eles entenden por liberdade de elección e nos límites da aplicación do dereito dos pais a elixir o idioma no que se imparten certas materias. O concepto de apartheid implica falta de liberdade e eles precisamente defenden que haxa liberdade de elección, non falta dela. Tampouco cuestionan que deban impartirse as matemáticas, a música ou as ciencias para o mundo contemporáneo, senón o idioma vehicular que se usa para as actividades de ensinanza e aprendizaxe. Aí é onde debemos centrar os nosos esforzos, os nosos argumentos. Do contrario teñen unha réplica brillante, directa que pode dar a impresión de que pola outra parte carécese de razóns ao ter (supostamente) que recurrir a algo que eles non afirman e que con facilidade poden desmontar e desarmar.
Con todo o que é máis urxente combater é a idea de que o galego é o idioma agresor, o idioma que se está a impoñer, e que certa parte da sociedade está indefensa e mesmo se sinte ameazada ante tal feito.
Por outra banda é necesario, tamén, resaltar aínda máis o dereito que temos os galegos, todos os galegos (outra cousa é que certa parte deles rexeiten tal dereito ou mesmo o cuestione), a poder usar a nosa lingua sempre e en calqueira ocasión e salientar a asimetría legal que hai entre as dúas linguas oficias na Galiza.

13/5/09

Evidenciemos os apoios



De sempre é coñecido que ás veces un falta a unha cita, festa, reunión, acontecemento ou evento, non por falta de gañas ou de interese, por desidia, abandono ou deixadez, senón por ter que atender asuntos máis urxentes e inaprazables, á vez que inexorables. Tarefas, asuntos ou compromisos que se presentan de súpeto ou que aparecen de forma inesperada ao fallar os mecanismos que supostamente se tiñan deseñado para xestionalos.
Ben isto a conto a que por diferentes circunstancias que agora non é o momento de relatar, relacionadas con lastimosos malentendidos e dinámicas varias que, sen pretendelo, xeraron certas obrigas con terceiras persoas, máis ou menos ineludibles, o certo é que, a día de hoxe, non vou poder estar físicamente na manifestación do vindeiro domingo. Mágoa.
Non obstante poderia poñerse de manifesto o meu apoio a prol do noso idioma sen ter que estar físicamente presente na manifestación. Hoxe é posible facelo dunha forma doada e simple, sen apenas custo económico, e sen darlle gañancias a quen non as merece (a clásica nota de prensa pagada como publicidade cos listados correspondentes).
Estoume a referir a facer uso das modernas tecnoloxías, en concreto das diferentes redes sociais que ateigan a rede. En moitas delas existen xa grupos creados só para deixar constancia do apoio á manifestación en defensa do noso idioma por mor de, por un ou por outro motivo, non poder asistir a ela.
Trataríase de ler no acto final da mesma a referencia de todos estes apoios lendo, un por un e a modo de monocorde acompañamento aos diferentes discursos que se pronuncien, o nome e procedencia dos remitentes.
O efecto propagandístico que se lograría non sería pequeno e non deixaría de ser recollido polos diferentes medios de comunicación social.
A lectura sería en segundo plano e con baixa intensidade sonora, para non entorpecer as diferentes mensaxes que estivesen a dar os oradores, mais a presenza teimuda do acto da lectura durante todo o tempo lograría, entendo eu, un efecto multiplicativo dos apoios á manifestación e poñelos de manifesto dunha forma sonora, e tamén visual.
Os asistentes virtuais quedarían desta forma contabilizados e manifestada a súa vontade inequívoca de apoio. O obxectivo podería ser que ao día seguinte os medios (algún medio ao menos) referenciase a contabilidade de asistentes distinguindo entre os reais e os virtuais. A idea sería que o titular e a entradiña tiveran máis ou menos parecido co seguinte texto:
"Masiva asistencia á manifestación de onte. Estímase que asitiron e percorreron as rúas de Compostela máis de 25.000 persoas e foron lidas, durante os máis de corenta minutos que durou o acto final cos discursos, alomenos 10.000 nomes de persoas que querían evidenciar expresamente o seu apoio á manifestación dunha forma virtual, como o certifican os diferentes grupos creados para tal fin nas principais redes sociais".

9/5/09

Non se decatarán que...

... se están a desempeñar un cargo político é porque existe iso que eles parecen menosprezar, cando non ignorar.
... de non existir o que nos da alento e forza como comunidade diferenciada, nin mellor nin peor pero si distinta, aqui non habería autonomía tal e como hoxe a coñecemos e, polo tanto, ista xente só podería aspirar a ser un mero burócrata de provincias con máis ou menos nivel.
... coa súa actitude están a negar a existencia da razón de ser da súa función no sistema político e administrativo.
... é tremendamente inxusto ollando o panorama actual de uns e outros que, mentras uns loitaban pola dignidade e liberdade colectivas eles só se preocupaban do seu interese persoal, de estudar e non meterse en líos, de arranxar o seu, horfos de preocupacións de tipo social ou político.
"Galicia, cuatro: La Coruña, Lugo, Orense y Puentevedra (o era Pontevedra?: que lío con esto del gallego)"

27/4/09

E nisto que chegou a gripe porcina




Cando estabamos todos/as entretidos coa recesión, a crise, o paro, e tamén coa liga, co goberno de Feijóo e os seus coches oficiais, co tempo atmosférico e demáis distractores e pasatempos, resulta que veu no noso resgate a gripe porcina. Hai xa uns meses (ou quizáis anos, que agora o tempo pasa moi rápido) estivemos unha tempada entretidos con outra gripe, daquela era a aviar, ata que un bon día os "creativos" de garda decidiron que xa era hora de pasar a outra cousa (como efecto colateral algúns Estados precavidos tomaron a decisión de mercar ás empresas farmaceuticas millóns de doses de medicamentos; ises mesmos que agora nos din que, en caso de apuro, poden ser útiles e que teríamos que "tragar"). Está ben ter de cando en vez carnaza nova na que trincar o dente. Veremos canto dura ista. Todo sea por animar e por enredar¡

13/4/09

Máis paraisos cercanos



Para os que somos de Ourense non é nada novo constatar, máis unha vez, a fermosura e beleza das súas terras e paisaxes.
Puidémolo comprobar istes últimos días andando polos camiños e corredoiras das terras de Chandrexa de Queixa e de Manzaneda. Respiramos o aire das súas serras, empapándonos dos seus aromas, dos seus sons, da súa grandura. Visitamos lugares e aldeas con olfato de hai trinta ou corenta anos e ata (demasidos) pobos abandonados. Enchímonos de xestas, de carpazos, de carballos e de faias, de vento, de auga, de sol e ata de neve. Cruzamos regatos, e mesmo ríos, subimos a cumes levadeiras e baixamos a fermosos vales. Parolamos coa boa xente da zona e gozamos das súas apetecibles viandas, todas abundantes e sabrosas. Todo moi variado e gratificante.
Por suposto na compaña de xente agarimosa e acolledora, amable e xenerosa.
Ao longo destes días tamén puidemos albiscar as carencias, as eivas, a deixadez e ata o abandono. Seica o "patrón maior" da Deputación gasta a maior parte do orzamento en nóminas (hai un concepto na ciencia política que se chama clientelismo que non sei por qué agora me lembro del) e poucos recursos lle deben quedar para adecentar camiños, limpar e sinalizar rotas e concas de ríos e regatos, mellorar as vías de comunicación, poñer en valor o enorme patrimonio cultural e natural da comarca,...dignificar a vida da xente da montaña. Claro que para iso cómpren ideas, amor e compromiso. E...me parece que vendo e escoitando isto xa un mesmo se pode facer unha idea moi, moi aproximada.

3/4/09

O previsible aumento das maniobras de despiste.


Vivimos tempos duros. E, seguramente aínda se endurecerán máis.
A parte da tan mentada crise do sistema económico actual, que dexenera en diferentes clases e tipoloxías: crise social, de confianza, de credibilidade, de valores; o que realmente me desacouga é a desorientación, o desconcerto e o ensimismamento que percibo na clase política.
Semella que non saben ben o que facer, temerosos de non ser quen de endereitar a situación actual para recuperar o camiño do crecemento económico.
Crecemento económico? Pero,...ata cando?
E, por suposto, incapaces de imaxinar unha alternativa ao actual modelo. Un cambio que tivese en conta a realidade dos límites que impón a natureza.
Nestas circunstancias, considero que van aumentar as "maniobras orquestrais na escuridade". É dicir as políticas do encubrimento, do solapamento e da camuflaxe dos problemas reais. Xogar ao despite e ao "toureo" fino.
Toca actualizar e poñer en funcionamento todos os distractores, todas as vías de escapismo e todos os mecanismos de alienación. O obxectivo é aguantar e... agardar a que amaine. Pero,... e se desta vez non o fai?

28/3/09

Solecismos



Solecismo, provén do latín "soloecismos", que á súa vez deriva do griego "soloikismós" ('falta ás regras do idioma'; a súa orixe é a palabra "soloikos" que era aplicada aos habitantes de Soloi, en Cilicia, que seica falaban unha variedade de grego altamente peculiar).
Outros prefiren usar o termo cuasi sinónimo de anacoluto (provinte do latín "anacoluthon", e iste do grego ανακόλουθον /anakólouthon (que significa ‘que non segue, inconsecuente’); palabra composta co prefixo privativo ἀν- (an-) e a radical tamén grega ἀκόλουθος/akóluthos acólito (consecuente, compañeiro de camiño).
Parece ser que iso é o que contén de forma reiterada e sorprendente o auto (que vai camiño de batir o record en acumular recursos e máis recursos) que a xuíza de Corcubión Carmen Veiras dictou a propósito do chamado caso "Prestige".
Incorreccións consistentes no mal uso dunha construción ou na falta de sintaxe. Se ademais unimos un uso caótico dos signos de puntuación, erratas e omisión de palabras imprescindibles para a comprensión dun texto, estamos ante un aparente intento de dificultar, ou mesmo impedir, a lectura deste auto por xente do común.
Menos mal que persoas competentes no tema, por interese profesional ou por gusto ou delite, tiveron a amabilidade de facelo por nós e comunicarnos aos neófitos no tema o seu contido. É o que fixo o brillante columnista do suplemento de "Galicia" de EL PAÍS, D. Carlos Martínez-Buján Pérez. O seu artigo da semana pasada, titulado "El auto sobre el Prestige" é clarificador (tamén o foi, por certo o que dedicou ao Citroën prestado a Feijóo).
Un tema de tanta transcendencia non debera ser obxecto de tan pouca dedicación, esforzo e capacidade. A xuíza e o perito, que redactou o informe no cal practicamente baseou a xuíza o seu auto, están sendo obxecto de xusta atención e, por veces, contestación e abraio. Iste último chega tamén á cantidade de euros que cobrou o redactor do informe pericial. Santiago Martín Criado, por outra parte, ocultou á xuíza un detalle que, en sano xuízo, anulará por vicio de forma tal informe pericial. A propósito das explicacións do Sr. Martín nun xornal coruñés que algúns dan en chamar "La Voz de ..." xa o di o "latinajo":Excusatio non petita, accusatio manifesta.
Seguiremos atentos.

27/3/09

O Gêres e a Quinta do Agrinho



O lugar, a paraxe, é efectivamente fermosa. Transmite calma, sosego, como se as horas durasen máis. A dilatación do tempo vívese sen necesidade de acadar altas velocidades.
A paisaxe que puidemos contemplar ao longo dos tres días por estas terras luminosas (tivemos un tempo soleado, claro, nítido) sempre foi espectacular. Nalgúns casos lembrábame á de terras máis próximas (as serras de Sabadelle, en pequeno, son certamente parecidas).
Descansamos, durmimos ben, comimos mellor (Pimpao: que descubrimento¡) e ata saímos coa pel enrrugada dun spa (fermosa a Vila do Gêres). A cervexa "Superbock" baixaba cun ritmo e unha intensidade proporcinal á súa amplitude.
Á volta visitamos tamén a cidade de Ponte de Lima. Interesante casco vello e magnífica ponte que adorna a un maxestuoso río.
Se estas vivencias se comparten con entrañables amigos, pois...o que xa teño dito noutras ocasións: paraisos cercanos.

8/3/09

Daranse novas batallas


Despois do breve paso polo goberno da esquerda transformadora, onde a penas tivo tempo para poñer en marcha unhas cantas medidas e tomar algunhas decisións, os poderes fácticos de sempre dispóñense a acadar novas metas unha vez conseguido o obxectivo de volver a ter o cabo e o timón ben suxeitos da súa man (por un momento percibiron que mans alleas trataban de endereitalos).
Como digo as medidas tomadas e os instrumentos creados foron moi limitados pero cun gran xérmolo transformador. Os de sempre percibiron o perigo e tomaron cartas no asunto. Non máis contemplacións. Non máis condescendencias. Recuperemos o que é "noso" e, fagámolo, canto antes. Empreguemos todos os medios ao noso dispor (que non son poucos). Ante situacións excepcionais cómpre usar todas as medidas e recursos que sexa mester (xa se fixo antes cuns resultados que a historia nos mostra con claridade, para quen os queira ver).
Agora xa anuncian que van ir polos concellos. Quérenno outra vez todo e, desta vez, non deixarán que se lles escape tan doadamente. Contan con moitos partidarios, con medios, con influenza e co poder difuso e solapado (que é sempre o máis efectivo).
Tanta é a borracheira, tanto o desenfreo, tanto o atrevemento, que mesmo rivalizan sen pudor nos seus medios acerca de quen tivo máis mérito, sobre quénes fixeron a mellor xogada, quen a colou máis grande, en definitiva sobre quen manipulou, terxiversou, ou, directamente, mentíu máis.
O brillante Manuel Rivas expresao con precisión na súa columna semanal.

28/2/09

Sosego, calma, moderación.


De momento, a día de hoxe, podemos estar asi.
Mañá domingo, día 1 de marzo de 2009, quizáis aumente a preocupación.
Quedará suficiente xente nesta terra que aínda comulgue con rodas de muíño?
Os puros, limpos e sen mácula quedarán na casa limpando a prata?
Daráse por satisfeito o "monstruo" (setestrelo dicíalle hai anos aos cativos para entretelos con historias varias) cos resultados acadados?
Dependerá de se finalmente consigue os favores do seu público e a lixeireza e compracencia dos "divinos".
Falta pouco para sabelo. Mentras tanto limpemos, na medida das nosas posibilidades, a porcallada que estes últimos días se foi espallando, abramos as fiestras para que saia tanto fedor ("salamántiga lisa e envisgada") como se foi acumulando e teñamos, porque de momento podemos, calma, moderación e sosego.

13/2/09

Un pouco tarde

Remato de ler o artigo que o presidente e editor de "La Voz de Galicia" publicou hai uns días no xornal de papel e que aínda está incluído na edición dixital. Despois de reflexionar mínimamente sobre el e coñecendo a traxectoria deste xornal só me suscita un comentario: tarde piache¡

9/2/09

Máis ensinanzas do Nuno

Continuemos debullando a entrevista que lle fixeron ao Nuno Crato.
Nun momento afirma que China e Xapón non padecen crise algunha no terreo da educación, e achácao ao feito de practicar un ensino tradicional, por veces excesivamente tradicional, pero que funciona. Aló o mestre ensina ao discípulo, e valórase o silencio, o esforzo, o sacrificio, a perseverancia e o tempo, ademais dunha certa dureza que ao mundo accidental moito lle aflixe. Acó, por aplicar pedagoxías radicais (que segundo el son utópicas e irreais) dámoslle pouco valor ao coñecemento, o cal só interesa se é quen de transferir competencias, (isas que agora parece ser que hai que avaliar, non se sabe moi ben cómo), esquecendo a propia esencia do mesmo, como se só fose útil en tanto en canto puidese ser aplicado, en caso contrario carecería, segundo estas teorías radicais aplicadas por pedagogos modernos, de valor. Conta que nos EE.UU. cando estes pedagogos intentan lavar o cerebro aos estudantes de todo o mundo que acoden ás súas universidades, con cantinelas como que no proceso de ensino e aprendizaxe todos aprenden (tanto os mestres como os alumnos), os alunnos procedentes de China, Xapón e, en xeral, dos países asiáticos, quedan completamente abraiados e preguntan, inocentes, a ises pedagogos, se ali non son as persoas que saben as que ensinan ás outras...
Despois de criticar severamente o ensino da matemática na súa terra, que xulga excesivamente contextualizado e enfocado á aplicación, esquecéndose da formalización e conceptualización propia das deducións, demostracións e teoremas ( aplicando o método hipotético-dedutivo propia da matemática) pasa a referirse á visión da ciencia que tiña Einstein, e, aquí, reitera o xa coñecido de que en realidade Einstein non era relixioso, posto que para el Deus era só unha metáfora da racionalidade do universo. Einstein dubidaba da división entre platonismo (as matemáticas e a lóxica pertencerían a este universos de ideas)e empirismo (a física, por exemplo). Non acreditaba en que houbese un universo no que a velocidade da luz fose diferente da que é, porque hai cousas intrínsecas que só funcionan dunha maneira. Remato a Nuno lembrando unha obviedade: o home, non é centro de nada e se estamos aqui é só por unha casualidade, por unha evolución que nos criou por outra, certamente, casualidade.
Nuno Crato, un matemático portugués con moito tino, con moito que dicir, e decíndoo moi clariño e ben alto. Se alguén quere lelo en estato puro, que prema.

6/2/09

O galego e os grelos



Celebrábase o Día Mundial contra o Cranco. Na "parilla" do programa de radio, tipo "magazine", non podía faltar a clásica entrevista con algún médico, por suposto doutor en medicina, na que nos adiantase os últimos avances e achádegos contra a enfermidade. Tras da correspondente presentación e saúdo por parte da condutora do programa, intervén, en galego, o entrevistado saudando tamén para, a seguir, continuar toda a charla en español.
Nun determinado momento, e tratando de respostar a unha pregunta, fai mención ás cualidades dos grelos como alimento idóneo, entre outros, para previr certos tipos de cranco. E faino laiándose de que tan saudable e típica folla de nabo estea a punto de desaparecer porque, segundo di, nestes tempos utilízanse cada vez menos. O home transmite unha sinceira preocupación por este feito e lamenta que o consumo dos grelos estea en, segundo el, franca e alarmante decadencia.
O que o eminente doutor quizáis non era consciente era que o que realmente corre perigo de desaparecer é o idioma que, a bon seguro mamou de pequeno, pero que por unha extraña razón, bueno non tan extraña ao fin, non estaba a empregar.
Mais, ...que non se preocupe, xa que os grelos non teñen máis perigo de desaparición do que poida ter calquera outro alimento típico da nosa terra, como o polbo, o raxo ou a empanada. Hai un feito que o pode demostrar: non poucos dos asistentes á manifestación que o colectivo Galicia Bilingüe ten convocada para o próximo domingo, van a rematar degustando un lacón con grelos ou un cocido nalgún dos moitos restaurantes, mesóns, ou casas de comidas que hai na capital da Galiza. O noso idioma si está seriamente ameazado, os grelos, de momento, gozan de boa saúde.

30/1/09

Ensinanzas do Nuno



Quixo a casualidade que a entrevista que incluía, o pasado 18 de xaneiro, o Notícias Magazine, o dominical do xornal lisboeta "Jornal de Notícias" fose dedicada a Nuno Crato, matemático, profesor e presidente da Sociedade Portuguesa de Matemática.
O Nuno seica é autor de innumerables liblos de divulgación científica e, máis en concreto, autor do que leva por título O Eduquês em Discurso Directo: Uma Crítica da Pedagogia Romântica e Construtivista. A ninguén se lle escapa o, a priori, interese que se desprende de un tal título, no que queda meridianamente claro que seica se critica o, para case todos nós, paradigma ben establecido da pedagoxía ou metodoloxía construtivista. A boa fe que a entrevista non ten perda.
Intentemos desmiuzar a primeira parte desta interesante e sorprendente charla.
Comeza o Nuno recoñecendo o notorio déficit de cultura científica que apaña a nosa sociedade e de cómo desde Europa mirabamos fachendosos cara os EE.UU. cando comentabamos os pobrísimos resultados dos inquéridos que se facían nesta país para "medir" a súa cultura científica, e de como agora Europa tamén tiña que recoñecerse no mesmo espello, de acordo cos resultados das enquisas que se fixeron en toda a Unión. Salienta especialmente o caso francés, de cómo Francia pasa normalmente por ser un país culto e, non obstante, sae moi mal clasificado neste ránking. Aqui é pertinente facer mención ao clásico texto de C. P. Snow, autor de As dúas culturas e a Revolución Científica, onde por primeira vez pon sobre a mesa a falsa contraposición entre a cultura literaria (os así chamados intelectuais) e a cultura científica, dando lugar a un debate que dura ata o nosos días (tan abraiante pode ser descoñecer a obra literaria de Cervantes ou Shakespeare como descoñer o terceiro principio de Newton, ou o obxecto de estudo da Socioloxía, por exemplo. Por certo que esta dicotomía tórnase por momentos menos forte e as pasarelas son cada vez máis numerosas e nos diferentes campos, véxase senón a última montaxe de J. Mª Flotats en Madrid coa obra El encuentro entre Pascal y Descartes" ).
Comenta máis adiante o Nuno que el non ten nada en contra do Romantismo como movemento literario ou musical e que mesmo le a Camilo Castelo Branco (non se trata de contrapoñer o Camilo ao Eça de Queiróz), o que está é contra unha determinada visión romántica de facer ou practicar a educación, e que non ten que ver coa educación científica ou coa literaria, dado que esta cosmovisión aplícase a ámbalas dúas. Consiste en enfatizar en exceso a motivación, a forza de vontade, de que toda disciplina debe ser interior, de que a avaliación non é necesaria porque a fin de contas o que interesa é o goce do saber,...Todo isto é o que rechaza o Nuno, e pon un exemplo relacionado coa lectura: na lectura, di, hai a idea romántica de que os meniños deben ser primeiro motivados para ler. Como se iso non acontecese mediante o propio exercicio da lectura¡. Non todo ten un camiño directo, único, como os románticos pensan.
Chegados a este punto, en educación o Nuno apúntase a usar e practicar todos os métodos e paradigmas que teñan demostrado a súa valía. O que funciona, afirma, é unha mestura de métodos. E dado que o paradigma romántico e construtivista defende, en relación coa educación, e segundo o Nuno, o método único, él está radicalmente en contra. Afirma, ademais, que este é un debate que está a darse a nivel internacional (efectivamente tamén aquí na nosa terra, se ben con matices, xa que entre nós, e esquematizando en exceso, deslízase ata terreos de cuestionar a utilidade da pedagoxía, e da pertinencia, por contraposición, dun ensino máis tradicional e mesmo, pero non só, memorístico).
As correntes pedagóxicas nas que máis acredita o Nuno son unha mestura de prácticamente as existentes: construtivismo, ensino non directivo e ensino directivo. Como se comproba é partidario de practicar un equilibrio pedagóxico partindo de todas as ideas que día a día demostran ser acertadas, independentemente do corpus teórico do que procedan.
A entrevista é longa, e con moito contido. Queda para outro post comentar o que resta porque tamén, ao meu ver, é de moito interese.

25/1/09

Procedemento a seguir

Moitas veces non debemos darnos por vencidos ao recibir, inesperadamente, algún revés. Moi polo contrario, é conveniente actuar dentro das nosas posibilidades e recabar información e, mesmo, lembrar as responsabilidades e obrigas de cada quen.
Leamos como aconteceron os feitos e, ao remate, resolvamos o asunto.

Estimado Profesor:

Acabo de recibir la carta con la papeleta de la calificación de la segunda prueba presencial y, francamente, estoy un poco decepcionado, por cuanto estimaba que había realizado un examen que me permitiría alcanzar una nota que supusiese un apto en la asignatura. Está claro que mi percepción parece que estaba equivocada, aunque no dejo de pensar en qué pude haber fallado para no llegar al cinco. La preparación del examen fue, a mi modo de ver, correcta. Tenía la impresión de que poseía un dominio razonable de la asignatura que me permitiría realizar un buen examen, y así creía haberlo hecho. Pero, a la vista del resultado, no parece que fuese del todo cierto.
No obstante, sigo pensando que poseo un nivel de conocimientos, de relación de conceptos, de contextualización de las principales ideas, que me deberían haber permitido alcanzar una mejor nota. Por ello, apelando a su función tutorial y creyendo que mi fallo pudo verse favorecido por alguna otra circunstancia y/o aspecto, me permito solicitarle que en la medida de lo posible me aclare e/o informe acerca de los siguientes aspectos y temas relacionados con la forma de realizar la prueba y con el temario de la asignatura.
 ¿Me podría confirmar si efectivamente los textos a que hace referencia la guía del curso son suficientes para preparar la asignatura? ¿Es necesario, conveniente y/o recomendable ampliar la bibliografía?
 Con relación al tema 7, ¿hay que memorizar literalmente las definiciones que, a lo largo de la historia, los diferentes autores (Durkheim, Geertz, Berger,...) fueron enunciando o bien puedo reproducirlas, respetando fielmente la idea y la corriente teórica en las que se encuadren, con otras palabras sin que ello suponga pérdida de sentido y significado?
 ¿Cómo debo enfocar el papel de la religión en la sociedad actual? ¿Puedo echar mano de ideas propias (siempre que se razone y justifique la pertinencia teórica y metodológica de su inclusión) o bien debo restringir el análisis empleando sólo la cosmovisión que sobre el tema tengan los diferentes autores?
 ¿A qué nivel de profundidad hay que conocer las características de las religiones abrahámicas, fundamentalmente en lo referente al judaísmo y el islamismo?
 En la guía se afirma que se pretende que el alumno conozca las aportaciones teóricas de los sociólogos “clásicos”, y también familiarizarse con el análisis de los procesos sociales relacionados con la religión, ¿podría, en la medida de lo posible, ampliar un poco estas indicaciones?
 Con relación a las cinco preguntas breves y dado el espacio que hay para contestarlas, ¿debe uno limitarse a la idea principal y básica, al “núcleo duro” de la pregunta, o bien puede ampliar un poco la respuesta con ideas o temas secundarios pero relacionados, respetando escrupulosamente la superficie máxima para contestar?
 ¿Podría explicitarme, en tanto en cuanto me sirviesen de referencia al enfocar las respuestas, los criterios de evaluación y calificación que emplea? ¿A qué aspectos le concede más importancia? ¿Qué considera un error grave? ¿Cómo he de enfocar la pregunta relacionada con el libro de lectura obligatoria?
 Por último y en la media en que pudiese revisar mi examen, ¿me podría citar, aunque fuese sólo muy brevemente, los principales fallos que cometí? ¿Qué errores propiciaron que me quedase sólo en el cuatro? ¿Cuáles fueron las omisiones, que a su juicio condicionaron más gravemente la nota final?
En la certeza de que sus indicaciones, informaciones y sugerencias (que me las puede hacer llegar por correo electrónico) me serán de gran utilidad para preparar, con mayor firmeza y profundidad, el examen de septiembre le anticipo las gracias. Reciba un cordial saludo.


Pois ben, ante a tesitura de ter que argumentar, revisar e explicitar criterios e procedementos, ante o traballo de realizar unha segunda e máis sosegada lectura, optouse polo camiño máis curto de modificar positivamente a cualificación. Neste caso, pódoo asegurar, ademáis foi un acto de xustiza.

5/1/09

Domingo, 1 de marzo de 2009.



O lehendakari Ibarretxe remata de convocar as eleccións autonómicas vascas para o vindeiro día 1 de marzo. Pero... non tiña xa convocado o Presidente da Xunta as eleccións autonómicas galegas para isa mesma data? Efectivamente.
Pois ben, en contra de certas interpretacións (...ha convocado las elecciones -Ibarretxe- lo más pronto que ha podido, irritando a sus ‘amigos’ del Bloque Nacionalista Galego con la coincidencia de fecha entre las dos elecciones autonómicas) considero que esta coincidencia, globalmente, pode beneficiar ás aspiracións eleitorais do nacionalismo galego. Explícome.
1. A mensaxe política do nacionalismo galego pode chegar moito máis nídia e directa, sen tantos solapamentos e distorsións, se coinciden ámbalas dúas eleccións en tanto en canto os lideres dos principais partidos españois (PSOE, PP pero tamén IU e UPD) terán que repartir as súas intervencións e presenza nos medios coa conseguinte menor repercusión na Galiza.
2. Por outra banda, a Brunete mediatica de Madrid vai descargar a maior parte da súa artillería contra o nacionalismo vasco, de todas as cores e condicións posto que estes elementos, tan democráticos eles, non distinguen matices, orientacións ou tomas de posición á hora de artellar unha campaña. Con elo o nacionalismo galego estará máis protexido destos ataques furibundos e desmesurados, a maior parte das veces baseados en falsidades ou medias verdades e, non en poucas ocasións, na máis completa das ignorancias (doctas, iso si).
3. Polo si ou polo non, o sistema político galego, como tal, queda en boa posición por ter convocado as eleccións con anterioridade e quedar patente e manifesto que foi o Lehendakari quen convocou despois e na mesma data por evidentes razóns de conveniencia política.
A singularidade das eleccións galegas, aínda que na práctica van verse afectadas ao non dispoñer de toda a atención prevista inicialmente (o cal insisto pode ser unha vantaxe), quedan no plano teórico intactas.
4. Os partidos maioritarios españois (PSOE e PP) quedarán en evidencia por ter que artellar simultaneamente unha mensaxe política para dúas nacionalidades distintas, mensaxe que o PP tratará de que non teña grandes diferenzas (eles din que o seu discurso político é o mesmo, pero xa veremos) mentras que o PSOE terá que facer manobras orquestrais especialmente complicadas para diferenciar a súa oferta política en cadansúa nación, co risco de que sexa acusado de non ter unha visión única e ter que dar máis explicacións das que lle gustaría para ponderar a súa posición.
5. Os partidos minoritatios españois (IU e UPD) terán tamén que repartir a súa oferta. Deixando a parte a IU, que se centrará basicamente no País Vasco por ser onde maiores posibilidades ten, a irrupción na Galiza de UPD podería ter sido máis potente de non coincidir as eleccións. A señora Rosa Díaz, sen ser candidata en ningunha das dúas comunidades (supoño) terá un gran apoio dos mass media españois, que ela empregará basicamente para a campaña das eleccións vascas. A súa presenza na Galiza será menor e secundaria sen que elo evite que lles poida restar bastantes votos ao PP, pero coa vantaxe de que terá moito máis complicado acceder ao Parlamento galego que se só centrase os seus esforzos na campaña galega, daquela podería ter certas posibilidades de entrar no Pazo do Hórreo.

En definitiva, superado o primeiro momento de desconcerto, esta coincidencia, lonxe de perxudicar ao nacionalismo galego, pode beneficialo, se é quen na campaña de transmitir una mensaxe política clara, posibilista (se algúns consideran que este aspecto é excesivo pois lexitimamente xa saben que é o que poden facer) e ilusionante, porque atopará o campo máis despexado de falsidades, manipulacións, terxiversacións e ignorancias. Adiante pois, expliquemos o feito até o de agora no Goberno, porque algo fíxose, e fagámolo de vagar, comentemos as nosas propostas de futuro para seguir avanzando na procura do autogoberno (para o cal un novo Estatuto tórnase indispensable) porque por primeira vez poderemos librarnos, anque só sexa parcialmente, da marea uniformizadora e abafante.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...