14/11/08

Tempos novos, vellas inercias.



A recente campaña electoral nos EE.UU. vai supoñer un antes e un despois no deseño e na forma de enfrontarse á comunicación das mensaxes políticas dirixidas ao corpo electoral. As formas tradicionais de facelo hai xa tempo que están a esmorecer no referente a súa eficacia. Aos mítins só acode xente afín, militantes e simpatizantes que coa súa presenza homologan e adornan a imaxe do acto de acordo aos cánones vixentes. Non sirven para informar nin moito menos para formar opinión. Esta xa está suficientemete formada. E aínda que cada día máis se utilizan as modernas tecnoloxías da información e da comunicación para transmitir a mensaxe (blogs, e-mail, video, incipientemente wikis) esta utilización non foi ata o momento nin maioritaria nin interactiva.
O uso que fixo o equipo electoral de Barak H. Obama das TIC foi cualitativa e cuantitativamente diferente a calquera outro uso anterior. Foi moito máis poderoso e eficaz ao apostar dedididamente polo seu emprego intenso, aproveitando todas as súas posibilidades, tanto para recadar recursos como para armar grandes redes de apoio e propaganda. Esta forma de facer xa está madura para ser usada a gran escala. Así o recoñecen o presidente electo e o seu vicepresidente, ao declarar as súas intencións para o futuro: "debemos empregar todas as tecnoloxías e todos os métodos para abrir o goberno federal e dar aos americanos a posibilidade de participar nas deliberacións e nos procesos de toma de decisións do goberno de formas que non eran posibles ata hai poucos anos".
A lei de ferro que ata momento se aplicaba no funcionamento do núcleo dirixente das grandes organizacións (nomeadamente políticas e sindicais, pero non só) está a punto de esmorecer. Cada vez será máis complicado xustificar o por que un reducido grupo de persoas deciden unilateralmente accións e medidas a tomar cando poderían ter consultado de forma rápida e eficaz aos seus afiliados e/ou militantes sobre o que facer, e así ter máis elementos de xuizo.
A máquina da democracia directa xa existe e pode usarse. As vellas inercias poderán impedir o seu funcionamento? Non creo.

5/11/08

Yes We Can

  • Intentar ser mellores persoas.
  • Dedicar máis tempo á nosa xente.
  • Ignorar as estupideces e imbecilidades.
  • Prácticar a reflexión.
  • Educar a sensibilidade.
  • Axudar aos demais.
  • Denunciar os abusos.
  • Preocuparnos só do realmente importante.
  • Distinguir o accesorio do fundamental, a categoría da anécdota.
  • Cultivar a amizade.
  • Aspirar a practicar a xustiza.
  • Vivir a vida... que pasa, e non volve.
Parabens, Sr. Obama: o dito, esperemos que sexa para ben.

2/11/08

Exceso


É o que a min me parece. Un exceso. Un exceso tendo en conta a categoría e imaxe pública do xornal. Aínda lembro aqueles anos en que editorializaba en contra do uso destas estratexias para vender máis exemplares. Despois, co paso dos anos, foi vindo ao rego do que facían os demáis. Perdeu (para sempre?) o seu elemento identificador como xornal serio que só afertaba información veraz e opinión seria, formada e competente. Comprendo que a loita no mercado é moi dura e que tiña que usar as mesmas armas que os seus competidores, mais... disto a converterse case que nun bazar vai un treito. En fin, o mesmo fixeron na radio do grupo ao que pertence a propiedade de El País, a propósito das chamadas tertulias. De estar totalmente en contra delas tiveron que adoptalas se querían seguir entrando no reparto da tarta publicitaria.
De todas formas, vista a oferta, ás veces teño que confesar que fixen uso deste servicio por considerar que o produto que ofertaban era de boa calidade. Sen ir máis lonxe estou á espera dun prometido e fermoso (iso espero) edredón.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...