30/10/08

Ánimo, rapaces.

Que complicados son os comezos. Podemos velo no seguinte video dos Rolling Stones onde saen nunha actuación do ano 1965 (ollo 43 anos atrás, media vida). Non obstante se hai miolo, substancia e argumento, ao final pódese saír do pozo e ser recoñecido no teu traballo. Sei que neste momento hai mancheas de grupos tratanto de sacar a man e, se os deixan, o pescozo. Xente nova que trata de achegar as súas propostas. A maior parte deles están direccionados á marxinalidade e finalmente á desaparición. Pero outros, os menos, os que teñan realmente algo novo e orixinal que aportar poden crecer e ter algunha posibilidade. O video trata de ser un alento para que perseveren e non se dean por vencidos.
Poden comprobar como o Jagger era pouco máis que un pipiolo, iso sí, xa cun gran xogo de pernas; claro xa se lle vían maneiras (por certo tamén se albisca o gran talento do malogrado Brian Jones e, por suposto a presenza e gosto por cantar do Keith; por outra banda a marxinalidade do Bill xa se ve que viña de lonxe; en canto ao Charlie... pois que xa comezaba a estar canso... figúrense 43 anos despois como estará)

En todo caso, eu aínda me emociono, con moderación, con este tipo de actuacións e circunstancias. Pulo e forza.

28/10/08

Un home que cos anos gaña en lucidez

Un bó amigo faime chegar este interesante video correspondente a un programa de Antena3. Non podo por menos que reproducilo dada a súa importancia e singularidade. A raíña fetiche de certa forma de entender o que algúns chaman España, posta no seu lugar. Canto mellor nos tería ido coa Beltraneja¡. Antonio Gala atrévese e sitúaa no seu contexto historico e social. Os corifeos non dan creto.

25/10/08

E o futuro?


Cando menos preocupante.
Todo sube e todo baixa.
Só a incerteza permanece constante.

17/10/08

Joaquim Maria Machado de Assis




Ata hoxe o nome de Machado estaba unido aos irmáns do mesmo nome, poetas españois.
Pero, desde hoxe (ben, máis exactamente desde fai uns días) tamén estará unido a, en palabras de Susan Sontag, "o escritor máis grande saído de Latinoamérica", ou ben, en palabras de Harold Bloom, " o maior artista leterario negro ata a data".
Para saber algo máis deste persoeiro recomendo o seguinte post, onde se reseña brevemente a súa peripecia biográfica.
Nunca é tarde para seguir aprendendo. Agora só falta que poida ter acceso doado (tampouco vou realizar maior esforzo, dada a cantidade de material que aínda teño pendente de ler)a algún dos seus libros, quizáis Don Casmurro (1899), ou ben Memorias póstumas de Blas Cubas (1881).
Non obstante, o que me interesa salientar e que xustifica o que estou a facer, é a inmensa e poderosa ansia que a un lle entra para tratar de ampliar, aínda que sexa en grao mínimo, a visión do que existe e existíu, fuxindo de valados e cancelas que outros intentar erguer interesadamente para impedir que poidamos ver o horizonte, o panorama mundial. Ben entendido que só sabendo de onde se parte e do que se é e ten un pode intentar a aventura do descubrimento do novo. Dito de outra forma, e parafraseando a un importante político galego, "primeiro ser e despois trunfar".

9/10/08

Co cú ao aire





Ata hoxe non caeu nas miñas mans o suplemento do domingo dedicado aos negocios e finanzas de "EL PAÍS" (xa teño comentado que a miúdo non "podo" coa imprensa diaria e teño que pospoñela para mellor ocasión; sei que non estou só nesta forma de proceder e que a outra moita xente lle acontece algo similar). Con certa premura paso as páxinas na busca de algo de interese e... cando chego á vinteunha detéñome e procedo a ler o artigo de Josep Piqué, coñecido ex político catalán, economista de profesión e liberal de convición e vocación.
É clarificador e, ao mesmo tempo, valente.
En primeiro lugar xa ten mérito por atreverse a escribilo nos termos en que o fai (moitos outros liberais e ultraliberais están agachados nas súas palleiras de inverno, e non miro para ninguén Sr. Rodríguez Braun).
En segundo lugar porque é moi instrutivo, moi exemplificante. Recoñece que nunca pensara que os seus castos ollos liberais puidesen ver o que están ollando e moito menos que tivese a necesidade de escribir cousas como "Pero las situaciones excepcionales-y ahora estamos en una de ellas- obligan al pragmatismo y, excepcionalmente, a la heterodoxía más o menos desconcertante y, desde luego, contradictoria con los principios válidos en condiciones de normalidad" ou ben " Dicho esto y haciendo acto de contrición en mi fe liberal,... ou ao fin "Profundamente acomplejado en mi perdida ortodoxia,..."
En terceiro lugar penso que é un artigo honesto. Trata de aportar algún tipo de medida que contribúa a atopar unha solución a un problema que non entende que se tivese producido desde a súa ortodoxia liberal (cómo o mercado non foi quen de autorregularse¡; cómo de non marxinar aos que non foron eficientes¡) E para iso non dubida en recurrir a medidas de control e nacionalización de bancos, compañías aseguradoras e sociedades de préstamo hipotecario para socializar as perdas (os famosos activos tóxicos) e salvar da queima ao sistema financeiro, sen o cal calquera economía, incluída, e sobre todo, a capitalista, vense a pique, que non a piqué.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...